Patricia Díaz realizará a súa tese de doutouramento en Hamburgo
25 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Patricia Díaz é de Reigada e ten 27 anos. Foi unha das estudantes elixidas pola Fundación Barrié para disfrutar da bolsa que ofrece a estudantes galegos que vaian facer o seu posgrao no estranxeiro.
-Noraboa pola bolsa. ¿Como se sente ante esta nova?
-Grazas. A verdade que cando me enterei de que me deran esta bolsa, sentinme moi valorada. Sentín que todo o esforzo feito ata o de agora tivo unha boa recompensa e mereceu a pena.
-¿Que lugar de destino elixiu para a súa formación de posgrao ?
-Irei facer a miña tese de doutoramento ao Zentrum für Experimentelle Orthopädie Homburg en Alemaña. Quedarei tres meses alí, e isto permíteme obter o grao de doutorado europeo.
-¿Por que elixiu demandar esta bolsa en Alemaña en concreto?
-Pola universidade en cuestión , e porque quería dar un paso máis dentro do meu campo de investigación e da farmacia.
-Daquela, ¿cal será o obxecto da súa tese de doutouramento ?
-O meu traballo será sobre as células con actividade terapéutica, estarei traballando no centro de ortopedia experimental.
-Nestes momentos, xa licenciada, ¿a que se está a adicar?
-Despois de licenciarme en farmacia fixen o máster de investigación e desenvolvemento de medicamentos, ambas cousas en Santiago de Compostela. Agora mesmo estou tamén nesta universidade dentro do programa de formacion de profesorado universitario.
-¿Que é o que máis lle apaixoa dentro do seu campo de formación?
-Sen dúbida a miña especialidade é a tecnoloxía farmacéutica, é a miña área específica.
-¿Cales considera para vostede as mellores opcións de futuro?
-O máis sinxelo para min sería probar no campo da farmacia, xa que está moito máis fácil que no campo da docencia e da investigación en laboratorio. Esa sería a mellor opción aínda que non é o que máis me gusta, a miña paixón é estar no laboratorio investigando. Así me vexo.
-¿Cal é o seguinte paso ao volver de Alemaña?
-Despois de volver en decembro, o meu seguinte reto é presentar a tese de doutouramento. A parte diso, sigo vinculada á universidade polo programa de formación de profesorado universitario e aínda me queda un ano máis neste programa, quizais chegue a dar clases por esta vía. O futuro preséntase incerto, pero penso que o principal é seguir traballando pouco a pouco, dun xeito constante.
-Fóra do laboratorio, ¿que outras afeccións ten?
-Tamén estou atraída pola música, o meu instrumento é o acordeón. Pero nestes momentos estou centrada a fondo nos meus estudos e no profesional.
PATRICIA DÍAZ RODRÍGUEZ LICENCIADA EN FARMACIA e bolseira da FUNDACIÓN barrié