O fotógrafo Xan Muras presentará o día 9 un libro con imaxes do Courel

quiroga / la voz

LEMOS

30 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O fotógrafo e deseñador gráfico Xan G. Muras presentará o 9 de novembro en Seoane un libro que reúne unha colección de imaxes da natureza realizadas na súa maior parte na Serra do Courel. O acto celebrarase en coincidencia coa Festa da Castaña do Courel e comezará ás sete e media da tarde na Estación Científica de Seoane.

O libro de Muras titúlase Donas do segredo e combina as fotografías do mundo natural cunha antoloxía de poemas de varias escritoras galegas, entre as que se encontran Rosalía de Castro, Marica Campo, Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, María do Carme Kruckenberg e Emma Couceiro. A única excepción masculina é o poeta Manuel María, de quen tamén se inclúe un poema que precisamente dá o título ao libro. Segundo o autor, os textos seleccionados teñen unha relación directa con cada unha das imaxes.

Este é o segundo libro publicado por Xan G. Muras -residente no municipio coruñés de Teo- que recolle fotografías tomadas no Courel. Hai dous anos editou a obra Xunguidos á terra, na que se mesturan as súas imaxes con textos literarios do poeta courelao Vicente Reboleiro. Os dous libros están publicados pola editorial Tribaldes Edicións.