Un equipo de bolseiros e técnicos da Fundación TIC, dependente da Deputación, gravará mañá o concerto que a banda madrileña de rock Sôber ofrecerá a partir das dez da noite na praza do Concello de Sober, xunto con cinco dj locais. A gravación incluirá ademais un percorrido que os membros da banda levarán a cabo por diversas zonas do municipio e que comprenderá un paseo en catamarán polo canón do Sil e visitas a varios miradoiros.
A Deputación ten previsto editar esta gravación en deuvedé, facilitándolla ao Concello de Sober para que a divulgue na súa páxina web e nas redes sociais. A iniciativa, segundo indican desde o organismo provincial, encádrase nunha liña de actuación que consiste en axudar a divulgar mediante material audiovisual diversas actividades de interese que se levan a cabo en diferentes localidades da provincia. A Festa do Viño Novo de Monforte e a Feira do Viño de Amandi -engaden- tamén foron obxecto deste tipo de promoción. «Deste xeito tamén se contribúe á formación prática dos alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual», agregan.