Hoxe preséntase en Santiago a biografía máis extensa do científico monfortino
09 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Ás doce do mediodía de hoxe será presentada na sede do Consello da Cultura Galega unha extensa biografía do científico monfortino Antonio Casares, publicada pola editorial Ouvirmos. A súa autora é a monfortina María Luisa Losada, licenciada en historia e física que leva moito tempo investigando a vida e a obra do célebre químico e médico do século XIX. Losada é tamén coautora do artigo sobre Casares no Álbum da Ciencia editado pola referida institución e coordinou un curso organizado pola aula da Uned en Monforte no 2012, con motivo do bicententario do nacemento do prestixioso científico.
-¿O seu libro é o primeiro que se dedica a Antonio Casares?
-É a biografía máis extensa que publicou ata agora. Despois da súa morte, aínda no século XIX, apareceron algúns traballos que hoxe son unha fonte de información importante, pero que creo que non hai que tomar moi ao pé da letra porque se escribiron sobre todo co propósito de exaltar a súa figura e tamén para agradar ao seu fillo, José Casares Gil, que foi igualmente un científico e catedrático moi prestixioso. Eses traballos conteñen datos que ás veces non son moi exactos. É o caso do que escribiu sobre el Manuel Murguía.
-Casares foi unha figura de moito prestixio, pero tamén estivo implicado en polémicas.
-É unha vida con moitas luces, pero tamén ten as súas sombras, e no meu libro intento tratar con imparcialidade todos eses aspectos, porque non se trata dun traballo haxiográfico. Unha cuestión polémica da que se ten falado bastante é a expulsión de dous profesores da Universidade de Santiago por ensinar ideas evolucionistas cando el era reitor. Casares tamén participou na identificación dos supostos restos do apóstolo Santiago que apareceron nesa época na catedral compostelá, outra cuestión que deu moito que falar. Pero tamén estivo implicado en certas polémicas sobre análises de augas que son moito menos coñecidas e esa é unha das novedades que achega este libro.
-Despois de estudar en profundidade a súa vida e obra, ¿cre que hai aspectos que merezan máis investigacións?
-Si, hai cuestións nas que penso que poderían seguir traballando outros investigadores. Por exemplo, o importante papel que Casares desempeñou nas institucións educativas de Santiago, o seu labor como reitor, a súa colaboración na Sociedad Económica de Amigos del País ou a súa posición política, que en certos aspectos non está moi clara. Quixen estudar a súa obra científica e docente enmarcándoa no seu contexto social, político, cultural e económico e o libro contén bastantes cousas novas que non se trataron antes noutras obras ou que están pouco divulgadas. Pero tamén pretendín formular preguntas sobre os aspectos menos coñecidos de Casares que espero que poidan dar pé a novas investigacións.