
Biólogo e experto en sendeirismo, Díaz encárgase de planear rutas e excursións pola zona e por outras partes de Galicia
31 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.O biólogo monfortino Guillermo Díaz Aira, experto en sendeirismo, ocupa actualmente o cargo de coordinador do albergue de Quiroga, onde se encarga de organizar rutas e excursións pola Serra do Courel e por outras zonas da provincia e de Galicia.
-¿Como ve o futuro inmediato da zona no que respecta ás actividades turísticas?
-Penso que a Serra do Courel está despuntando moito no turismo ambiental. Cada vez hai máis xente interesada en visitar a zona e iso notouse, por exemplo, na última edición da Festa da Pisa da Castaña de Froxán, que atraeu máis persoas que nunca. Aínda levo pouco tempo traballando no albergue, pero noto que hai unha demanda cada vez maior e para os próximos meses xa temos programadas moitas excursións. Traballamos sobre todo con colectivos, que poden ser colexios, asociacións, clubs ou grupos de amigos.
-¿Tamén vén xente de fóra de Galicia?
-Temos reservas para algúns grupos de fóra, pero por agora a clientela é principalmente galega. Da provincia de Lugo non hai moitos visitantes, pero si da costa atlántica. Vén moita xente de Vigo, de Pontevedra... Só de Cangas do Morrazo temos previstas tres excursións de escolares para os próximos meses.
-¿Que criterio segue para programar as rutas?
-Procuro que os visitantes establezan un contacto o máis estreito posible coa zona. Non se trata só de camiñar polas montañas e ver paisaxes, senón de coñecer o patrimonio natural e cultural de zona, de tratar coa xente e de ver como vive. As actividades prográmanse por outro lado moi en función de quen sexan os usuarios. Non pode ser igual cando se trata de membros dunha asociación deportiva que cando son rapaces dun colexio ou socios dun colectivo de xubilados.
-¿Ademais da Serra do Courel, desde o albergue organizan actividades noutras zonas?
-Dependendo do que busquen os usuarios, podemos movernos tamén por todo o sur lucense, por outras partes da provincia por toda Galicia e mesmo por zonas limítrofes como o Bierzo. Cando se trata de certas actividades de turismo de aventura traballamos en colaboración con varias empresas especializadas que contan con todas as garantías.
-¿Hai recursos turísticos na zona que poderían aproveitarse máis?
-Unha cousa que me chamou moito a atención desde que estou traballando no albergue é a cantidade de peregrinos que chegan polo Camiño de Inverno. Sabía que esta ruta está atraendo a bastante xente, pero a verdade é que non me imaxinaba que fose tanta. Se cadra en Quiroga esta afluencia nótase máis porque ten o único albergue que existe ao longo de todo o camiño nesta provincia. E tamén me sorprendeu o atractivo que teñen para os visitantes os museos de xeoloxía e etnografía de Quiroga. Están tendo realmente moito éxito. Penso que sería interesante potenciar máis as infraestruturas deste tipo, porque poden axudar moito a atraer o turismo.
GUILLERMO DÍAZ AIRA cOORDINADOR DO ALBERGUE DE QUIROGA