O investigador e fotógrafo monfortino presenta o martes unha exposición no Museo Provincial
10 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Ás 20.30 horas do martes será inaugurada no Museo Provincial de Lugo a exposición Por que tapan a dor con flores?, do monfortino Iván Álvarez Merayo, que desde hai tempo compaxina o seu labor profesional como arqueólogo coa fotografía artística. A mostra foi seleccionada xuntos con outras que se presentaron en toda Galicia na última edición do Outono Fotográfico para percorrer nos próximos meses diversas zonas da comunidade. Con anterioridade foi exposta no Carballiño e Maside e máis adiante -a partir do 27 de xuño- poderá verse tamén na galería Sargadelos de Monforte.
A exposición, segundo explica Merayo, «pretende ser unha reflexión bastante xenérica sobre as inseguridades e os medos comúns a todos». As imaxes están agrupadas en diferentes seccións -que o autor define como «capítulos»-, cada unha cun título propio: Ausencias, Des-proxecto, Aparece, Abandono e Nada. En todos os casos, as fotografías están acompañadas por breves textos. O fotógrafo sinala que o proxecto se basea en «conceptos universais», pero puntualiza que as reflexións das que parten as súas imaxes tamén aluden á actual crise económica e ás numerosas situacións de «perda e abandono de proxectos e ilusións» que se están dando en moitos países.
Por outro lado, Merayo segue movendo por diversas localidades galegas a súa exposición Coma silvas que comen muros, que se presentou con anterioridade en Monforte e en Lugo, entre outros lugares. Esta mostra poderá verse a partir do 7 de febreiro no centro sociocultural do barrio de Conxo, en Santiago, e nos próximos meses será exposta ademais en Allariz e Ourense. Esta exposición -a primeira que preparou Merayo- baséase na historia da última execución pública cometida en Monforte, que tivo lugar no denominado Campo do Freixo o 3 de outubro de 1941. Nesa data foi fusilado tras un consello de guerra o factor ferroviario Manuel Pérez Goyanes, a quen se acusou de ter provocado deliberadamente na estación monfortina un accidente que saldou sen danos persoais.