O Concello revisará o uso incorrecto do topónimo na documentación oficial
15 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Ribas de Sil revisará os usos incorrectos do nome do municipio en resposta ás críticas que lle dirixiu recentemente por escrito un particular, recriminándolle a utilización da forma Ribas do Sil en diversos documentos oficiais e na páxina web municipal. O autor desta petición indicou a única forma oficial do topónimo é Ribas de Sil -como pode comprobarse no nomenclátor da Xunta- e tamén sinalou o erro á Deputación, que colabora na edición da web do Concello.
O tenente de alcalde Roberto Castro sinala a este respecto que o goberno local «tomará nota do consello» e procurará utilizar a forma correcta na documentación. «Sabemos perfectamente que esa é a única forma oficial do nome e intentaremos telo máis en conta para evitar eses erros, aínda que tampouco o imos tomar como unha cuestión prioritaria -apunta Castro-, porque pensamos que o municipio ten problemas bastante máis serios e urxentes que atender, como o desemprego ou a precariedade dos servizos».
Segundo explica o tenente de alcalde, a utilización esporádica da forma Ribas do Sil na documentación municipal débese a que así é como o pronuncian numerosos veciños da zona. Esta versión do topónimo que substitúe de por do pode verse tamén en diversas páxinas web editadas por particulares. «É algo parecido ao que sucede no Courel, onde a maioría da xente di habitualmente Caurel aínda que esa non é a forma oficial do topónimo -comenta Roberto Castro-, e ás veces pode pasar que o nome do noso municipio apareza escrito desa maneira nos documentos por influencia da pronunciación popular, aínda que normalmente intentamos ter coidado». O tenente de alcalde apunta por outro lado que a confusión pode deberse á crenza de «que dicir ou escribir Ribas do Sil soa como máis galego».
Forma habitual
O mesmo opina o filólogo e escritor Gonzalo Navaza, membro da Comisión de Toponimia da Xunta. «Os topónimos que teñen o nome dun río como segundo elemento van sempre sen artigo , como se ve claramente en moitos outros nomes de lugar, como Parada de Sil ou Santo Estevo de Ribas de Miño», explica. «Iso non sucede só no galego, senón en todas as linguas románicas peninsulares», engade. Navaza cita como exemplos varios topónimos portugueses -como Ponte de Lima e Paredes de Coura-, casteláns -como Miranda de Ebro- e cataláns, como Esplugues de Llobregat. «É unha tendencia popular crer que o do é máis galego e enxebre que o de, pero iso non é certo, e pode considerarse sen dúbida como un hipergaleguismo», agrega.