A proba disputarase dentro da quinta edición da Festa da Cultura
19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Folgoso do Courel celebrará o día 25 a quinta edición da chamada Festa da Cultura, unha celebración que promove a asociación A Coroa e que ten como principal actividade unha carreira de carrilanas. O festexo foi creado precisamente coa intención de revivar a tradición local de construir as denominadas amotas, unhas carrilanas de fabricación artesanal que os rapaces da serra utilizaban con frecuencia para xogar deslizándose polas pendentes desde os anos corenta e cincuenta do pasado século.
Ao igual que nas anteriores edicións, a carreira comezará á altura do antigo colexio público de Folgoso e discorrerá polas rúas principais da localidade para rematar na zona coñecida como Fondo de Vila. O xurado non só premiará os vehículos máis veloces, senón tamén os que teñan unha feitura máis tradicional e artesá, similar ás que se fabricaban hai décadas. A competición iniciarase en torno ás doce e media do mediodía. De forma simultánea, entre as once da mañá e a unha da tarde, haberá na localidade unha concentración de vehículos antigos organizada pola sociación de coches clásicos da Ribeira Sacra.
Despois do xantar, por outro lado, comezará no Souto da Carroza -onde se celebra tamén a Festa da Castaña do Courel cando ten lugar en Folgoso- un campionato de xogos tradicionais con modalidades como lanzamento de chave e de boina, arrebolamento de sacho, corte con tronzón, billarda e bolos. Todas as persoas que asistan á festa poderán participar nesta competición e só precisarán apuntarse antes do inicio de cada unha das probas. Na coordinación do campeonato tomará parte a asociación lucense Xotramu, especializada na recuperación de xogos tradicionais, que xa colaborou nas edicións precedentes deste festexo co colectivo cultural A Coroa. No recinto da festa haberá tamén postos de venda de artesanía e servirase polbo e churrasco.
Unha novidade que presentará este ano o programa do festexo é unha concentración de grupos de cantos de taberna e de música tradicional que segundo os organizadores pretende «recuperar as antigas foliadas». Entre os participantes estarán a Banda de Gaitas do Courel e o grupo Pingalleomoco.
Pancetada e verbena
Depois das actuacións musicais haberá unha pancetada que se ofrecerá no mesmo lugar da festa a partir das nove da noite. Por un prezo de tres euros, aos asistentes serviraselles unha ración de panceta e empanada, pan e viño ou auga. Durante a pancetada haberá unha nova actuación do mencionado grupo Pingalleomoco. A xornada festiva rematará cunha verbena que será animada pola charanga Madialeva de Sarria e que comezará ás once e media da noite.