A Fundación Uxío Novoneyra organiza un festival cultural en Parada

La Voz

LEMOS

As actividades desenvolveranse entre o venres e o domingo

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Uxío Novoneyra organizará entre o venres e o domingo unhas xornadas culturais na localidade natal do poeta, Parada de Moreda -no municipio de Folgoso do Courel-, que se desenvolverán baixo o título de Festival dos Eidos. A iniciativa encádrase nun proxecto europeo denominado LitFest, no que participan tamén varias entidades de Italia, Francia e o Reino Unido e que conta co apoio do programa Erasmus.

As actividades abriranse ás 17 horas do venres cunha visita guiada pola vivenda natal de Nonoveyra, coñecida por Casa da Fonte. Ás sete da tarde, o escritor chantadino Xosé Lois García pronunciará unha conferencia sobre «A literatura galega no espazo da lusofonía» e ás nove haberá unha cea de confraternización na ferrería de Seoane. Unha hora máis tarde comezará un concerto da cantante Uxía Senlle, que presentará un disco baseado en textos do poeta do Courel.

O programa de actos do sábado comezará ás dez e media da mañá na Estación Científica do Courel -en Seoane- cun obradoiro de micromecenato para proxecto literarios a cargo de Iván Gimeno. Ao mediodía haberá unha sesión vermú seguida dun xantar na Casa da Fonte. A partir das tres da tarde desenvolveranse de forma sucesiva unha proxección do filme de Ignacio Vilar A esmorga, unha representación da compañía teatral Fantoches Baj e un recital de poemas de Novoneyra.

Recital de Carlos Oroza

Ás oito comezará un recital do poeta Carlos Oroza, quen viviu durante varios anos en Parada. A xornada pecharase cun concerto do músico de hip hop Wöyza que comezará ás dez da noite.

Na última xornada, a domingo, as actividades iniciaranse ás dez da mañá cun percorrido para avistar paxaros denominado «Bico do brelo». Ás doce do mediodía haberá unha sesión vermú na Casa da Fonte, que será seguida dun xantar. O programa pecharase coa proxección dun documental titulado Se dice poeta e realizado pola cineasta Sofía Castañón que ofrece -segundo explican os organizadores- «unha ollada de xénero sobre a poética contemporánea».