O Concello fai obras en dous miradoiros e proponse ter media ducia de itinerarios de montaña oficialmente homologados
21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Quiroga pretende converterse nos próximos meses no municipio galego con máis rutas de sendeirismo oficialmente homologadas. O Concello acaba de solicitarlle á Federación Galega de Montañismo o seu aval para tres novos itinerarios, que se sumarían ao que xa dispón do visado desta entidade e a outros dous que están pendentes de conseguilo. Os voceiros municipais aseguran que esta medida forma parte dun «plan integral de ordenación dos sendeiros» que inclúe outras medidas, como o acondicionamento de miradoiros xa existentes ou a difusión das rutas locais mediante aplicacións tecnolóxicas baseadas en Internet.
En Galicia existen nestes momentos 64 rutas de sendeirismo homologadas pola federación de montaña, a entidade habilitada para supervisar o cumprimento das normas vixentes para este tipo de itinerarios. Nada impide sinalizar rutas de sendeirismo sen esta supervisión, pero non entran no catálogo oficial que difunde e promociona o departamento de turismo da Xunta. A cambio, os concellos nos que hai rutas oficiais téñense que comprometer a mantelas sinalizadas e accesibles de forma permanente.
Quiroga dispón nestes momentos dun percorrido homologado, a denominada ruta do ouro e do camiño real, un itinerario circular de dezaséis quilómetros que empeza na aldea de Margaride. O Concello está á espera de que lle homologuen o camiño Ferradal ou da Caleira e o da lagoa da Lucenza desde A Seara. As tres novas que aspiran agora a esta distinción son as rutas da Seara a Rugando, do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós e a do val do río Quiroga.
Presenza en Wikiloc
Este plan integral, impulsado polo Concello coa colaboración da axencia de Turismo de Galicia, inclúe ademais a creación dun perfil específico coas mellores rutas do municipio en Wikiloc. Esta web é o sitio de referencia en Internet para os afeccionados ao sendeirismo e nela calquera usuario pode compartir itinerarios marcados mediante coordenadas. O perfil de usuario do Concello de Quiroga ofrecerá información actualizada sobre o estado real de cada ruta.
O terceiro obxectivo do plan foi arranxar os miradoiros que máis o necesitasen, dos seis que ten o municipio. En concreto, fixéronse obras nos da Conchada e Castro Dares, sobre a vila de Quiroga e na ruta do ouro, respectivamente.
Se Quiroga dá conseguido a homologación para estas seis rutas, converterase no municipio galego con máis itinerarios oficiais. As 64 rutas que están visadas neste momento pola federación de montañismo están moi repartidas polo territorio galego, pero non hai ningún municipio que teña máis de tres.
Ruta do Ouro e o Camiño Real
Margaride. 16 kms
-Ruta da lagoa da Lucenza
Rugando-Ponte Soldón. 11 kms
-Ruta da Seara a Rugando
19 kms
-Ruta do pregamento
Campodola-Campos de Vila. 8,5 kms
-Ruta do Val do río Quiroga
Santa Cubicia. 9,4 kms