Seis anos nos que o Día das Letras Galegas tocou o sur lucense

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Manuel María engrosa a lista de escritores relacionados coa zona que reciben homenaxe o 17 de maio

02 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu onte un acto de homenaxe ao poeta Manuel María no que participaron os escritores monfortinos Manuel Veiga e Antón Lopo, o cantautor Antón Valcarce e o grupo de música da asociación Amigos da Pandeireta, que promoveu a iniciativa.

Con esta xa son tres as celebracións organizadas en Monforte en memoria do protagonista do próximo Día das Letras Galegas desde que se soubo que se lle dedicaría o 17 de maio. A primeira foi unha ruta literaria baseada no libro Cancioneiro de Monforte de Lemos que organizou en novembro a asociación O Colado do Vento. Máis tarde, o pasado 23 de xaneiro, os concellos de Sober e Pantón organizaron un acto no Centro do Viño que incluíu a presentación do libro Manuel María reencontrado, do escritor Xosé Lois García.

Despois do Día das Letras Galegas, nunha data que aínda non se precisou, a academia organizará en Monforte un acto en memoria do poeta -a celebración principal será en Outeiro de Rei, o seu municipio natal-, en atención ao feito de que foi veciño da cidade durante catro décadas. Esta é a sexta ocasión en que o Día das Letras Galegas se dedica a un escritor natural do sur lucense ou estreitamente vinculado con estas comarcas. Desde que se instituíu a celebración, en 1963, houbo que esperar moito tempo para que sucedese algo así.

O primeiro, Ánxel Fole

O primeiro caso foi o de Ánxel Fole, que protagonizou esta data en 1997. Ademais de ter raíces familiares en Pantón -de onde eran o seu pai e o seu avó paterno-, viviu moito tempo en Quiroga e no Incio, lugares que inspiraron respectivamente os seus libros Á lus do candil e Terra brava. Os actos conmemorativos centráronse en Lugo, onde naceu o escritor, pero no Incio levouse a cabo ese ano a filmación da curtametraxe O documento, baseada nun conto do libro Á lus do candil. O filme foi dirixido por Manuel Hermida e interpretado, entre outros, polo actor e escritor Roberto Vidal Bolaño.

Dez anos mais tarde, no 2007, o 17 de maio foi dedicado á poeta María Mariño. De forma excepcional, o acto principal da xornada non se celebrou na localidade natal da autora homenaxeada -a de María Mariño era Noia-, senón no municipio de Folgoso do Courel, onde a escritora viviu desde 1946 ata a súa morte en 1967 e onde está sepultada.

O Courel volveu ser escenario da celebración no 2010, ano en que se dedicou ao poeta Uxío Novoneyra. Antes de que a Academia Galega tomase esa decisión levouse a cabo en Internet unha campaña de recollida de sinaturas a favor de Novoneyra que contou co apoio de numerosos intelectuais de toda Galicia e doutras comunidades e tamén de Portugal, Brasil, Francia, Italia, Venezuela, Arxentina e mesmo Xapón. Non pasou moito tempo sen que o Día das Letras Galegas se celebrase de novo no sur lucense, xa que o do 2011 foi dedicado a Lois Pereiro.

Tres figuras con méritos para protagonizar algún ano a celebración

O sur lucense conta con tres escritores dotados de suficientes méritos como para que se lles dedique o Día das Letras Galegas. Desde o falecemento de todos eles xa decorreu o tempo requerido para este tipo de homenaxe. Unha norma non escrita da Real Academia Galega establece que deben pasar ao menos dez anos desde a morte dun autor para dedicarlle o 17 de maio.

Avelino Gómez Ledo (1893-1977). Natural de Chantada, formouse como sacerdote e teólogo en Madrid e Santiago. De 1922 a 1972 foi cura en varias parroquias madrileñas e durante os últimos anos residiu na localidade natal. Publicou en 1926 o seu primeiro libro de poemas, Romanceiro compostelán, ao que seguiron outros. Pero Gómez Ledo é aprezado sobre todo como tradutor dos clásicos grecolatinos. En 1930 publicou unha selección das Égoglas de Virxilio e en 1964 unha versión íntegra de As Xeórxicas, do mesmo autor. En 1973 editou unha antoloxía de trece poetas gregos e latinos. Deixou tamén unha tradución da Eneida de Virxilio que continúa inédita.

Eduardo Moreiras (1914-1991). Nado en Quiroga, estudou filosofía e letras en Santiago e pasou a maior parte da vida en Vigo. Publicou varios libros de poesía en castelán, pero desde 1955 só usou o galego como idioma literario. É autor dos poemarios A realidade esencial, Paisaxe en rocha viva, Os nobres carreiros e O libro dos mortos. Escribiu tamén os libros de relatos Fogo solto e Primavera no Lor. Esta última obra, que algúns consideran como a máis notable do escritor, está ambientada na súa comarca natal.

Ernesto Guerra da Cal (1911-1994). Naceu en Ferrol, mais pasou a infancia en Quiroga e considerouse sempre como quirogués. Estudou en Madrid e combateu na Guerra Civil co bando republicano. Viviu durante moitos anos en Estados Unidos -cuxa nacionalidade adoptou-, onde desenvolveu un intenso labor como profesor universitario de lingua e literatura hispánica e portuguesa. Publicou unha grande cantidade de estudos de filoloxía e de historia e crítica literaria e varios libros de poemas, como Lua de além-mar, Rio de sonho e tempo, Futuro imemorial e Espelho cego. A pesar do valor da súa vasta obra, non parece fácil que a Real Academia Galega lle dedique a curto prazo un 17 de maio debido a súa firme defensa do reintegracionismo e da fusión do galego e o portugués, que propugnou durante toda a vida.

Lois Pereiro, un caso excepcional de repercusión social e cultural que continúa na actualidade

O caso do Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro pode considerarse excepcional pola ampla repercusión que tivo en toda Galicia e fóra dela e polas múltiples iniciativas en memoria de poeta que se organizaron á marxe das institucións. A figura e a obra literaria de Pereiro deron pé a recitais de poesía, concertos, exposicións e creacións artísticas en todo tipo de soportes. Os ecos do 17 de maio do 2011 seguiron resoando ao longo dos cinco anos transcorridos desde entón e cobraron máis forza dos últimos meses con motivo do 58 aniversario do nacemento do escritor -que se cumpriu o pasado 16 de febreiro- e do vixésimo aniversario do seu falecemento, que será o próximo 24 de maio.

Con este motivo púxose en marcha o proxecto Cicloxénese Cultural, impulsado inicialmente desde a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A iniciativa comprendeu a primeira edición do certame de ilustración e videocreación Siluetas Furtivas, inspirado nos textos poéticos de Lois Pereiro. O 19 de marzo mostráronse na Casa de Cultura monfortina -que leva o nome do poeta desde o ano pasado- algúns dos traballos presentados ao concurso. O proxecto segue adiante e os seus responsables xa anunciaron novas iniciativas para dentro de pouco tempo, pero aínda non explicaron en que consistirán.