Un rotundo éxito educativo do Courel e a Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

COAG

A zona está entre as máis demandadas polos centros que participan no programa Proxectoterra

22 abr 2016 . Actualizado a las 10:36 h.

A Serra do Courel e a Ribeira Sacra están á cabeza dos espazos máis demandados polos centros educativos que participan no programa Proxectoterra, unha iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia -cofinanciada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- que ten por finalidade difundir e popularizar o valor da arquitectura e a paisaxe da comunidade. As actividades encadradas neste programa comprenden excursións didácticas a estas e outras zonas de Galicia. As visitas ao sur lucense incorporáronse o ano pasado e tiveron «un éxito rotundo», segundo explica Xosé Manuel Rosales, coordinador de Proxectoterra. «Hoxe en día esa zona é que ten mais visitantes xunto coas Fragas do Eume», agrega.

Os centros educativos que toman parte nesta iniciativa desenvolven primeiramente unha serie de actividades nas aulas baseándose en materiais impresos e audiovisuais que lles facilitan os responsables do proxecto, referidos a diferentes zonas de Galicia. Na provincia de Lugo, ademais do Courel e a Ribeira Sacra, o programa inclúe o tramo do Camiño Francés comprendido entre Samos e O Cebreiro, a Terra Chá e a ría de Viveiro. No resto de Galicia, ademais das mencionadas Fragas do Eume, as actividades céntranse na Costa da Morte, Santiago, as comarcas do Deza e do Ribeiro, as rías de Arousa e Vigo, Allariz, A Limia e o val do río Támega.

Percorridos de dous días

Despois de realizar os traballos nas aulas, os centros poden levar a cabo excursións aos territorios que se estudan nas actividades teóricas. No sur lucense organízanse en colaboración coa empresa Tourgalia, que xestiona o albergue de Quiroga. Estas actividades teñen dous días de duración e inícianse con visitas aos museos de xeoloxía e etnografía do Concello de Quiroga e ao miradoiro xeolóxico de Campodola. Seguidamente hai percorridos guiados pola Serra do Courel. Se as condicións meteorolóxicas son boas, os itinerarios pasan pola lagoa de Lucenza, o val da Seara, o alto do Couto e a paraxe cárstica de Val das Mouras. En caso de que o tempo sexa malo, o percorrido realízase polo castro de Torre, a aldea restaurada de Seceda e unha alvariza. Así mesmo, aos alumnos ofréceselles unha degustación de mel de produción ecolóxica nas instalacións dunha empresa apícola local. As xornadas terminan cunha visita ao canón do Sil, na zona do club náutico de Doade. Durante os percorridos, os alumnos -acompañados por profesores- realizan diversas actividades didácticas sobre aspectos como a arquitectura tradicional, a paisaxe e as características xeolóxicas e medioambientais destas zonas.

As actividades de campo do programa Proxectoterra non son unha iniciativa recente, xa que comezaron a desenvolverse no 2005. As que teñen por escenario a Serra do Courel e a Ribeira Sacra, aínda que se ofrecen só desde o ano pasado, situáronse rapidamente entre as que despertan máis interese entre os centros de ensino de toda Galicia. No que vai de ano xa houbo sete excursións deste tipo, cada unha con uns cincuenta alumnos. A última, que se realizou esta semana, foi do instituto do municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño.

Exposición itinerante

Os promotores de Proxectoterra, por outro lado, teñen previsto organizar este ano unha exposición itinerante na que se presentarán as actividades desenvolvidas dentro deste programa desde os seus inicios. A mostra presentarase inicialmente nas sete maiores cidades de Galicia. «Depois pretendemos levala aos diferentes territorios onde se levan a cabo as actividades», explica Rosales. «Sería interesante presentar esta exposición en Monforte, se o Concello se mostra interesado», engade.

Actividades para 40.000 alumnos

Desde que comenzou a desenvolverse Proxectoterra, segundo explican os seus responsables, cerca de 40.000 alumnos de ensino primario e secundario participaron nas actividades que comprende esta iniciativa. Na actualidade estanse preparando os materiais necesarios para ampliar o programa á educación infantil.