O programa Proxectoterra non pode atender todas as peticións que recibe para organizar rutas educativas pola zona
22 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia prepara unha nova edición do programa Proxectoterra, unha iniciativa que ten por finalidade achegar o patrimonio arquitectónico e paisaxístico ao alumnado dos centros educativos galegos e na que a Serra do Courel e a Ribeira Sacra ocupan un importante papel. Nos dos últimos cursos, estas zonas foron as máis solicitadas -xunto coas Fragas do Eume- para desenvolver as actividades de campo encadradas neste proxecto e espérase que suceda o mesmo no ano escolar que acaba de comezar.
Ao longo do pasado curso organizáronse sete excursións de dous días a estas zonas, nas que participaron en total cerca de 350 alumnos de ensino primario e secundario. A ruta do Courel e a Ribeira Sacra foi incorporada a este programa hai dous anos -o Proxectoterra iniciou a súa traxectoria hai quince-, pero tardou moi pouco tempo en situarse entre as zonas favoritas para os centros educativos de toda a comunidade que participan na iniciativa. «O espazo natural do Courel é algo formidable e despertou moita atención desde que o incluímos na oferta, o mesmo que as Fragas do Eume», sinala Xosé Manuel Rosales, coordinador do Proxectoterra.
Para este curso está previsto organizar outras sete ou oito excursións didácticas a esta zona. «Será máis ou menos como o curso pasado, pero poderíamos traer bastantes máis porque o certo é que a demanda é moi elevada», indica Rosales. O problema -engade- é que non hai suficientes recursos para financiar todas as actividades que se poderían levar a cabo se os organizadores quixesen atender todas as solicitudes que reciben.
Fondos limitados
Rosales explica a este respecto que o programa está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente, pero non conta coa axuda de ningunha outra institución. «O transporte págano os propios centros educativos e o resto corre todo por conta do Proxectoterra -sinala-, e os fondos que temos non chegan para organizar máis excursións ao Courel e a Ribeira Sacra, porque tamén temos que financiar outras actividades deste tipo en diferentes zonas de Galicia».
Os promotores do programa apuntan que poderían incrementar as súas actividades na provincia lucense se contasen ademais cunha axuda económica da Deputación. «A verdade é que nunca chegamos a pedirlle apoio, pero é que resulta moi difícil conseguir axudas destas instucións porque elas xa teñen as súas propias actividades e hai que contar tamén cos seus límites presupostarios», comenta Rosales.
O programa de actividades previsto para este curso na Serra do Courel e a Ribeira Sacra non experimentará cambios significativos con respecto aos dous primeiros anos, pero ningún dos centros educativos que xa visitaron a zona volverá facelo durante este curso. «O que pretendemos é que os centros de toda Galicia se vaian rotando e se algún xa visitou este territorio o ano pasado e pide repetir a ruta este curso, non llo concedemos, porque o número de excursións que podemos organizar é limitado e os demais centros de ensino tamén teñen que ter esta opción», explica o coordinador do proxecto.
Visitas ao Camiño Francés, á Terra Chá e a Viveiro
A provincia de Lugo é a única onde os responsables de Proxectoterra ofrecen dúas estadías diferentes de dous días de duración cada unha. Ademais da ruta do Courel e a Ribeira Sacra, hai outra que discorre polo Camiño Francés, no tramo que vai do Cebreiro a Samos. No resto da provincia tamén se organizan actividades na Terra Chá e na ría de Viveiro, pero nestes casos duran só un día cada unha.
Antes de realizar as excursións, os alumnos dos centros que se suman ao proxecto deben desenvolver nas aulas unha serie de actividades educativas sobre estas zonas empregando diversos materiais didácticos -audiovisuais e publicacións impresas- que lles facilita o Colexio Oficial de Arquitectos, cos que poden adquirir coñecementos sobre a paisaxe tradicional, a xeoloxía, as características ambientais e a arquitectura típica de cada un destes territorios.
programa das visitas
Os percorridos do Proxectoterra no sur lucense comezan con visitas aos museos de xeoloxía e etnografía de Quiroga. A ruta segue despois por varios lugares de interese xeolóxico da zona, como o miradoiro de Campodola, o Val das Mouras, A Seara ou a lagoa de Lucenza (á dereita). En caso de mal tempo, hai unha ruta alternativa polo castro de Torre, a aldea de Seceda e unhas alvarizas. A última parte da ruta consiste nunha visita ao embarcadoiro de Doade, en Monforte