Os personaxes típicos do festexo aparecen nun filme no que participa a gaiteira
15 feb 2017 . Actualizado a las 17:23 h.A difusión do Entroido Ribeirao de Chantada deu un importante paso grazas a Cristina Pato. Os personaxes típicos deste festexo aparecen na longametraxe documental The music of strangers, gravada de forma paralela á realización do disco Sing me home, do grupo internacional Silk Road Ensemble -do que forma parte a célebre gaiteira e compositora ourensá-, que acaba de ser galardoado nos Estados Unidos co premio Grammy ao mellor álbum de world music. Un volante do entroido chantadino pode verse en Internet no tráiler do filme, que foi proxectado en público por primeira vez en setembro do 2015 no Festival Internacional de Cine de Toronto.
O filme reflicte o labor da banda Silk Road Ensemble, fundada en 1998 polo violonchelista chinés-estadounidense Yo-Yo Ma, que agrupa a cerca de sesenta músicos, artistas visuais e narradores orais de diversos países. Na primavera do 2016, The music of strangers estreouse en diversas salas de cine estadounidenses e posteriormente foi emitido pola cadea de televisión HBO, despois de ter sido proxectado noutros coñecidos festivais cinematográficos, como a Berlinale e o Tribeca de Nova York. A dirección da obra correu a cargo do cineasta californiano Morgan Neville, que en 2013 recibira un Oscar por outro documental, titulado 20 feet from stardom.
Gravación en Bande
Cristina Pato, que ten raíces familiares no municipio de Nogueira de Ramuín, participou no 2014 na gravación de varias escenas con membros da asociación Amigos do Entroido Ribeirao. A filmación non tivo lugar en Chantada, senón no xacemento arqueolóxico romano de Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande e á beira do río Limia. A gaiteira xa colaborara noutro disco desta formación, titulado Yo-Yo Ma and friends: Songs of joy and peace, que tamén recibiu un premio Grammy no 2008.
Con anterioridade a Cristina Pato, o músico vasco Kepa Junkera xa contribuira dunha forma importante á difusión deste festexo tradicional convidando aos danzantes do Entroido Ribeirao a participar en diversas actuacións que ofreceu durante o 2014 para presentar o seu disco Galiza.
A asociación que organiza a festa tamén ten participado nos últimos anos en carnavais tradicionais e en demostracións culturais de diversas partes de Galicia, así como de Asturias, Castela e León e Portugal. O ano pasado, o colectivo foi convidado a realizar un intercambio co carnaval de Tricarico, no sur de Italia pero non puido acudir por non contar con suficientes recursos económicos. A pesar desta ampla notoriedade, o Entroido Ribeirao non conseguíu aínda obter a categoría de interese turístico que a Xunta xa concedeu a outros carnavais.
Próximas xornadas
As festas deste ano comezaron a pasada fin de semana e continuarán a próxima co Domingo Corredoiro. A seguinte xornada, o Domingo de Entroido, será o día 26. En ambos casos a celebración empezará ás 16 horas na parroquia de Santiago de Arriba.