A escritora da Pobra do Brollón dedicou a súa tese doutoral ás relacións históricas da cultura galega co país atlántico
16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora Olga Novo, natural da Pobra do Brollón, acaba de doutorarse na Facultade de Humanidades de Lugo cunha extensa tese sobre as relacións históricas, culturais e literarias entre Galicia e Bretaña. O traballo títulase O soño dunha Armórica galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea e é froito dunha investigación desenvolvida durante anos.
-¿Que supón Bretaña para a cultura galega?
-Para Galicia, Bretaña é como un espello, un referente que lle permite verse na imaxe dun país irmán da área atlántica. Existen moitos vínculos, moitas semellanzas nos costumes e crenzas. Desde a época romántica, para intelectuais e artistas como Murguía e Pondal, Bretaña foi referente céltico por antonomasia. Este interese segue ata hoxe, pero os autores das diferentes épocas enfocaron Bretaña desde distintas ópticas.
-¿Que influencia ten esta relación na literatura galega?
-Unha influencia moi grande. Son moitísimos os escritores galegos que falan dunha maneira ou outra de Bretaña, comezando por Rosalía de Castro. A partir de aí, esa relación é continua e houbo intelectuais galegos que visitaron Bretaña para coñecer a súa cultura de primeira man. É o caso de Castelao, que estudou os cruceiros bretóns, ou de Fermín Bouza Brey, que tamén viaxou a Bretaña e mantivo relacións con arqueólogos bretóns. O título da tese, O soño dunha Armórica galaica, está tirado dun poema de Bouza Brey. Bretaña era para el como unha patria utópica, un ideal que reuniría o mellor das dúas terras atlánticas.
-¿Esta relación cultural foi continua ao longo do tempo?
-Si, incluso nunha época tan pouco propicia como a posguerra. O interese por Bretaña e polo mundo céltico podía ser asociado ao nacionalismo galego, que estaba moi perseguido neses tempos. A relación cultural segue existindo, pero a través da fabulación literaria, como sucede nos libros de Álvaro Cunqueiro Merlín e familia e As crónicas do sochantre.
-¿Que significa Bretaña para os autores novos que aparecen na posguerra?
-É moi importante para Manuel María, que visitou Bretaña en 1972 e escribiu o libro Laio e clamor pola Bretaña. É unha visión diferente da de Cunqueiro, porque está moi vinculada aos movementos de descolonización. Manuel María foi traducido ao bretón e participou en contactos entre a UPG e a Unión Democrática Bretoa, un partido nacionalista. Bretaña tamén está moi presente na obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, sobre toda na súa novela Bretaña, Esmeraldina, pero cunha óptica independentista. O último escritor do que me ocupo na tese é Claudio Rodríguez Fer, que ten unha relación moi intensa con Bretaña pero adopta a este respecto un punto de vista moi diferente dos anteriores autores, un celtismo digamos libertario.
-¿Encontrou datos descoñecidos na súa investigación?
-Si, descubrín varias cartas inéditas que escribiu Castelao a Otero Pedrayo na súa viaxe a Bretaña. E tamén cartas descoñecidas de Vicente Risco con membros de asociacións druídicas bretoas.
-¿Pensa publicar esta obra en Galicia e Bretaña?
-Gustaríame publicala aquí, pero hai que ver en que condicións se pode facer. Non é fácil porque é un traballo moi extenso, de cerca de 850 páxinas. En Bretaña gustaríame publicar unha versión reducida en francés. Teño que facer unha adaptación, porque aos lectores bretóns hai que explicarlles quen son autores como Manuel María e Méndez Ferrín, por exemplo, que aquí é algo obvio.
-¿Ten outros proxectos en marcha, ademais da publicación da tese?
-Este ano vai aparecer unha edición preparada por min do libro Os eidos de Uxío Novoneyra e tamén unha antoloxía da miña poesía. As dúas obras serán publicadas pola editorial Chan da Pólvora, que dirixe o monfortino Antón Lópo. Tamén teño moita poesía inédita que agora que xa rematei a tese quero preparar para publicar.