Vázquez confía en que a produción de mel na Ribeira Sacra se normalice o ano próximo
12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Francisco Vázquez Pérez, veciño de Sober, preside a Asociación de Apicultores da Ribeira Sacra, que foi presentada publicamente o pasado marzo. Na actualidade afronta unha temporada especialmente negativa para esta actividade, debido ás condicións meteorolóxicas dos últimos meses.
-¿Como se presenta a colleita deste ano?
-É un ano malísimo, o peor que recordo. Dedícome profesionalmente á apicultura desde o ano 2002, pero en realidade estou nisto desde neno porque xa axudaba ao meu avó coas súas colmeas. En todo este tempo nunca vin unha situación como esta. Teño experiencia doutras temporadas malas, por exemplo hai seis ou sete anos, pero como a deste ano non recordo outra. Non conseguín recoller máis que o 40% do mel que colleitei o ano pasado e isto mesmo estalle pasando a outros apicultores do interior de Galicia. Polo que eu sei, as únicas excepcións están na costa do norte, porque alí choveu algo e teñen moitos eucaliptos, e grazas a iso tiveron unha colleita que pode considerarse moi boa en comparación co que pasou noutros lugares.
-¿En que medida afectaron a falta de chuvia e as xeadas?
-Para os apicultores é primordial que chova e que se manteñan os ritmos de floración, pero as colmeas poden resistir ben e manter unha produción normal aínda que as chuvias sexan escasas. O ano pasado tamén choveu pouco e a pesar diso a colleita que tivemos en Sober foi moi boa. Pero este ano xuntouse unha seca moi prolongada coas xeadas que caeron a finais de abril. No 2016 o tempo non foi tan extremo e non sufrimos unhas xeadas tan fortes e tardías como a deste ano. En cambio, noutros sitios, como na provincia de Ourense, levan varios anos malos seguidos.
-Noutras áreas apícolas fálase de que esta temporada está proiferando moito a varroa. ¿Nótase isto na Ribeira Sacra?
-A min paréceme que aquí por agora non hai máis que outros anos. A varroa é algo que sempre existiu nas colmeas e nunca se pode conseguir que estes parásitos desaparezan por completo. As propias abellas protéxense deles facendo autolimpeza e hai que axudalas con tratamentos médicos. O problema é cando a presenza da varroa supera unha certa porcentaxe, porque pode acabar con toda a colmea, pero polo momento isto non está sendo moi preocupante neste territorio.
-Se continúa a seca durante o inverno, ¿pode resentirse a produción do ano próximo?
-Hai que esperar que a situación meteorolóxica mellore e que a vexetación se rexenere de cara á primavera. Aquí dependemos moito da flor da silva e supoño que non será difícil que floreza con normalidade para o ano que vén. O único que se pode facer agora é preparar as colmeas para que pasen ben a invernía e confiar en que cambie o tempo.
-¿Como está agora a asociación de apicultores que puxeron en marcha este ano?
-Aínda non rematamos totalmente os trámites para empezar a funcionar con normalidade, porque os que impulsamos isto estivemos moi ocupados con outras cousas durante os últimos mes. Pero de todas maneiras o proceso ten que estar acabado antes de que termine o ano. Confiamos en que se incorpore un bon número de produtores, porque a todos nos interesa estar unidos para conseguir axudas e para organizar cousas que un só non pode facer. Nos últimos anos a apicultura medrou moito no sur da provincia e pode chegar a ser un recurso económico moi importante.
-Non parece un bon ano para animar á xente a dedicarse á apicultura.
-Non, un ano como este non é o mellor estímulo para alguén que está empezando. Para un apicultor que aínda está montando as súas primeiras colmeas, pasar por unha temporada tan mala pode desanimalo e levalo a renunciar. Pero hai que pensar que non todos os anos van ser así. Na apicultura, como noutras actividades agrícolas, hai que contar con que haberá temporadas mellores e peores. Eu tiven anos malos, pero tamén outros que foron excelentes en canto á produción. E hai que ter tamén en conta que unha temporada tan pésima como esta é algo excepcional. Hai que animarse e seguir adiante, que xa virán temporadas mellores.