Cerca de setecentos quilos de castaña na festa do Courel

La Voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

A escasa colleita complicou a edición número trinta do festexo, que será o sábado en Seoane

02 nov 2017 . Actualizado a las 12:30 h.

A pesar da escasa colleita deste ano, o Concello do Courel conseguiu reunir en torno a setecentos quilos de froito para a Festa da Castaña do Courel, que celebrará o sábado en Seoane a súa trixésima edición. O programa do festexo foi presentado onte nesta localidade nun acto no que tomaron parte a alcaldesa Dolores Castro e Eduardo Vidal Baamonde, responsable da área de Turismo da Deputación, que contribúe ao financiamento deste festexo con 4.000 euros. A organización tamén recibiu unha axuda de 3.000 euros da Consellería de Cultura e outra de 1.500 euros de Abanca. O pregoeiro desta edición será o cantautor ourensán Emilio Rúa, que ademais ofrecerá unha actuación musical.

O festexo comezará ás doce do mediodía cunha actuación do grupo de gaitas do Courel, despois da cal se ofrecerá unha degustación gratuíta de castañas. Durante a xornada actuarán así mesmo o grupo de gaitas O Recanto e a charanga Cov Band. Pola tarde, a partir das cinco, haberá animación infantil a cargo do grupo Uxía e a Banda Molona, ademais dunha exhibición de cestería. No recinto da festa, por outra parte, estarán instalados vinte postos de venda de produtos gastronómicos e artesanía da comarca. Desde os seus inicios, o festexo celébrase cada ano de forma alterna nas dúas principales localidades do municipio. Desde o 2013 conta coa categoría de festa de interese turístico.

Por outro lado, a asociación cultural Fonte do Milagro organizará o 9 de decembro a vixésima edición da Festa da Pisa da Castaña, que como todas as anteriores terá por escenario a localidade de Froxán.