O día 30, o popular personaxe visitará por primeira vez O Courel, onde se conservaron as lendas das que é protagonista
31 dic 2020 . Actualizado a las 13:27 h.O penúltimo día do ano ofrecerase unha ocasión moi pouco común para coñecer no seu lugar de orixe ao popular personaxe de Nadal do folclore da Serra do Courel. En torno ás cinco da tarde poderase ver como o Apalpador sae do bosque da Devesa da Rogueira para participar nun festexo na localidade de Moreda, onde haberá tamén un espectáculo de maxia. A celebración será organizada polo Concello de Folgoso do Courel en colaboración coa asociación cultural Fonte do Milagro e estará aberta a todas as persoas que desexen asistir.
Mari Carmen Vergara, tenente de alcalde e concelleira de Cultura, sinala que a idea de celebrar este festexo débese aos comentarios dalgúns veciños do municipio. «Moita xente dicía que nos últimos anos o Apalpador está visitando moitos outros lugares de Galicia pero que nunca vén ao Courel, que é precisamente de onde saíu», explica. Os organizadores decidiron que o lugar máis adecuado para a cita sería o inicio do camiño de acceso á Devesa da Rogueira, que para o Apalpador é algo parecido ao que é Laponia para Papá Noel: a morada mítica onde vive durante todo o ano e que abandona temporalmente para levar agasallos aos nenos nos primeiros días do inverno. No caso do Apalpador, o presente é moi sinxelo e consiste en presadas de castañas quentes que deixa nas casas na noite do 31 de decembro.
Ata hai algúns anos, as tradicións que falan deste personaxe estaban case totalmente esquecidas. O Apalpador comezou a popularizarse a partir do 2008, cando a asociación compostelá A Gentalha do Pichel editou un folleto divulgativo cun debuxo do personaxe realizado polo artista Leandro Lamas. Ao ano seguinte publicouse o conto infantil O Apalpador, escrito e ilustrado por Xoán González Otero, antigo infógrafo de La Voz de Galicia. Posteriormente aparecerían outras dúas obras deste autor que se inspiran no mesmo personaxe: O Apalpador e a castaña máxica e O Apalpador e o arco da vella.
Outras publicacións
Nos seguintes anos foron publicándose outros títulos de literatura infantil e xuvenil que beben da mesma tradición: Antón e o Apalpador, de Manuel de Castro Lima e Mar Ameijeiras Sánchez; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens; O Apalpador, de Carlos Labraña e Carla Cabaleiro; A estória do Apalpador, o carvoeiro mágico do Courel, de Diego Bernal Rico; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues de Gomesende, e A noite do Apalpador, de Xurxo Valcárcel e Pepe Carreiro, así como a serie As aventuras do Apalpador, de Fernando Cimadevila e José Ángel Ares, da que apareceron ata agora catro volumes. A estas obras súmase o libro Divírtete facendo xoguetes de papel co Apalpador, de Carmen Domech Martínez, e o xogo de cartas O gran magosto, no que figura o personaxe. A compañía de títeres Cachirulo tamén incluíu ao Apalpador nun dos seus espectáculos.
Durante este tempo, o personaxe apareceu así mesmo en numerosos festexos infantís e desfiles de Nadal. Paradoxalmente, ningunha destas celebracións tivo lugar na Serra do Courel.
A primeira mención escrita publicouse en 1965
A publicación do 2008 que popularizou ao Apalpador baseábase nun traballo asinado por José André López Gonçález que mencionaba testemuños orais recollidos entre veciños do Courel, o val do Lóuzara e Os Ancares. Este artigo apareceu orixinalmente na revista Vagalume, dunha asociación cultural galega de Alcalá de Henares, e foi divulgado máis tarde na páxina web Portal Galego da Lingua.
Porén, Xoán González sinala que a mención máis antiga desta tradición foi feita polo etnógrafo Xesús Taboada Chivite nun traballo titulado La Navidad gallega y su ritualidad, publicado en 1965 e reeditado en galego en 1992. De acordo cos investigadores, o Apalpador, que toma o aspecto dos vellos carboeiros que fabricaban carbón vexetal nos bosques, sería unha supervivencia das figuras míticas precristiás que simbolizaban o renacemento do sol, ao igual que outros personaxes como Papá Noel, San Nicolao e o Olentzero das tradicións vascas.
múltiples visitas
Nos últimos oito anos foi posible ver en carne e óso ao Apalpador nas festas de Nadal e Aninovo en Monforte, Lugo, Mondoñedo, Ourense, A Coruña, Lalín, Silleda, Ferrol, Ribeira, Poio, Bandeira e Zas, entre outros lugares. No 2009, o personaxe apareceu por primeira vez formando parte dun belén, que estivo instalado na Casa de Fenosa do Barco de Valdeorras. Na imaxe da dereita, o Apalpador xunto á muralla romana nunha das súas visitas a Lugo.