O Festival dos Eidos reunirá no Courel a uns cen artistas

La Voz

LEMOS

XOÁN A. SOLER

A cuarta edición da cita cultural celebrarase entre os días 22 e 26 en catro localidades

04 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cuarta edición do Festival dos Eidos, que se celebrará no municipio de Folgoso do Courel entre os próximos días 22 e 26, aumentará considerablemente a súa programación con respecto a anos anteriores e ofrecerá cerca de setenta actividades nas que participarán en torno a un centenar de artistas. O festival, patrocinado pola Deputación lucense, tamén contará cun novo escenario -o da localidade de Paderne-, xunto coas de Seoane, Moreda e Parada.

Na parte musical do festival actuarán -entre outros- os grupos Baiuca, Pelomono e Atrás Tigre, así como os músicos Marco Foxo, Sumrrá e Anier e os deejays Tristón e Sergio Canay. O programa inclúe actuacións teatrais da compañía portuguesa Teatro da Madeira e da galega Fantoches Baj, así como da bailarina xaponesa Hisako Horikawa. Así mesmo, o programa inclúe recitais de poesía a cargo de Olga Novo, Teresa Moure, Tálata Rodríguez, Olalla Cociña, Xiana Arias, Celia Parra, Nieves Neira, Genaro da Silva, Marco Paone, Paul Casey, Ciaran MacArtain, Michael O?Callaghan, Sue Cosgrave, Katy D?Arcy, Rosy O?Reagan e Julie Goo, entre outros autores.

A programación comprenderá ademais visitas guiadas á sede da Fundación Uxío Novoneyra -situada na casa natal do poeta-, ao souto do Rubial e á ferrería de Seoane, e unha actividade sobre os usos tradicionais das plantas autóctonas. Haberá tamén conferencias de carácter literario e gastronómico a cargo de Jorge Linheira e Germán Labrador.

O Festival dos Eidos recibiu o ano pasado o premio Effe -Europe for Festivals, Festivals for Europe-, concedido pola Asociación Europea de Festivais, dependente da Comisión Europea. Este galardón distingue aos festivais que representan boas práticas na creación e nos terreos social e medioambiental.