Quiroga preparou para as visitas turísticas unha alvariza cedida ao Concello por un particular

La Voz QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira alvariza cedida por un propietario particular ao Concello de Quiroga será integrada nas rutas turísticas do proxectado parque xeolóxico Montañas do Courel. A construción tradicional, situada na parroquia de Bustelo de Fisteus, xa está preparada para recibir, pois durante o pasado verán foi acondicionada polos participantes nun campo internacional xuvenil de traballo. A tarefa consistiu basicamente en rozar a vexetación que cubría en boa parte a alvariza, segundo explica o alcalde Julio Álvarez, xa que os muros están moi ben conservados e non necesitaron ningunha intervención.

No exterior da alvariza, por outro lado, instalouse un panel divulgativo no que se explican as principais características destas construcións, cuxa finalidade é protexer as colmeas dos ataques dos animais salvaxes. No letreiro figura a denominación de abellariza, que é tradicional nesta localidades. As alvarizas reciben tamén os nomes de alvares, cortíns e cortiños, depedendo dos lugares onde se encontren.

Na ruta da Seara

O alcalde apunta por outro lado que alvariza de Bustelo de Fisteus está á beira da estrada que comunica a capital municipal coa localidade da Seara, situada nun val cuxo relevo foi modelado polos glaciares prehistóricos da Serra do Courel. Este lugar é polo tanto de especial interese para as rutas do futuro xeoparque. «Todos os visitantes que van á Seara teñen que pasar por ese lugar, de maneira que a alvariza pode integrarse perfectamente como un exemplo de arquitectura popular e dunha actividade tradicional moi propia da comarca», sinala o rexedor.

As alvarizas da comarca quiroguesa tamén ocupan un importante espazo no proxecto Life que ten por obxectivo a conservación do oso pardo na montaña lucense. Dentro deste proxecto, que está a desenvolverse na actualidade, realizouse a primeira catalogación sistemática das alvarizas existentes no territorio, moi relacionadas coa presenza histórica do oso pardo. Os promotores do proxecto teñen ademais previsto restaurar algunhas destas construcións e preparalas para servir como recurso de turismo científico e cultural.