Obradoiros de fotografía do ceo nocturno, das covas e das fervenzas na Serra do Courel

LEMOS

GUILLERMO DÍAZ AIRA

As actividades desenvolveranse entre os próximos días 26 e 27

20 ene 2019 . Actualizado a las 16:09 h.

Entre os próximos días 26 e 27 desenvolveranse na Serra do Courel unhas xornadas de iniciación a fotografía da natureza, tanto diurna como nocturna. Para o día 26 están previstas unhas sesións de introdución á fotografía de cursos de auga que terán por escenario as fervenzas de Vieiros, Aldonza e Castromao, así como as beiras do río Lor. Pola noite haberá un obradoiro de fotografía nocturna que terá por escenario o monte Taro Branco.

O día 27, por outro lado, haberá un obradoiro de espeleofotografía que se desenvolverá na Cova de Santalla de Lóuzara. As actividades son organizadas pola empresa Tourgalia, que xestiona o albergue turístico do Concello de Quiroga. As inscricións custan 30 euros -no caso do obradoiro de fotografía de cursos de auga- e 25 euros nos de fotografía nocturna e espeleofotografía. O prezo comprende un xantar no primeiro e no terceiro casos e unha cea no segundo. Para cada un deles hai un máximo de quince prazas dispoñibles. Os interesados poden solicitar información e facer reservas no correo info@tourgalia.com e no teléfono 629 323 208.

Na imaxe sobre estas liñas, un obradoiro de fotografía nocturna organizado no Courel no 2014 polo club Chíscalle.