Recén distinguido polo colexio profesional de xeólogos, Xosé Carlos Barros colabora coa asociación Montañas do Courel
18 mar 2019 . Actualizado a las 19:43 h.A pasada semana, Xosé Carlos Barros Lorenzo foi distinguido polo Colegio Oficial de Geólogos de España como un dos membros máis veteranos desta institución, da que forma parte desde hai 35 anos. Veciño da Rúa de Valdeorras, traballa no sector da pizarra e na actualidade é coordinador da área de xeoloxía da asociación Montañas do Courel, que proxecta crear o xeoparque do mesmo nome.
-¿Ve posible conseguir este ano o recoñecemento do xeoparque por parte da Unesco?
-É difícil conseguilo ao primeiro intento, pero aínda así vexo esa posibilidade con moita esperanza. Non só porque o territorio ten uns valores xeolóxicos moi importantes, senón tamén porque xa hai moito traballo feito durante anos. Hai miradoiros, rutas de sendeirismo, un museo de xeoloxía... Ou sexa, que tecnicamente este territorio aínda non é aínda un xeoparque, pero xa conta con moitas infraestruturas propias dun xeoparque e iso é algo que foi moi ben valorado polos auditores da Unesco na visita que fixeron á comarca o verán pasado.
-¿Que valores do territorio lle parecen máis importantes de cara ao proxectado xeoparque?
-Ante todo é fundamental contar cunha paraxe tan singular como o pregamento de Campodola, que está considerado xa hai moitos anos como un lugar de relevancia xeolóxica internacional. Sen non tivésemos unha formación deste tipo nin sequera poderíamos optar a conseguir esa categoría, porque é unha condición imprescindible. Hai xeoparques que contan unicamente cunha formación xeolóxica moi singular, como pode este ser o caso deste pregamento. Pero o territorio da comarca de Quiroga conta con moitas máis cousas. Ten outros lugares que algún día tamén poden ser considerados de interese xeolóxico internacional e un patrimonio paleontolóxico, arqueolóxico e cultural moi variado e valioso. Todas estas cousas son moi importantes para o proxecto do xeoparque.
-E aparte do pregamento de Campodola, ¿que outros aspectos cre que habería que resaltar desde o punto de vista da xeoloxía?
-Hai moito que sinalar, porque é un territorio moi rico neste sentido. Pódese dicir que no aspecto xeolóxico aquí están representadas moitas das características do territorio galego. Non todas, claro, porque aquí non podemos ter formacións xeolóxicas como as do cabo Ortegal e outros lugares, pero si unha boa parte delas. Hai rochas e covas calizas, que son bastante raras no conxunto de Galicia. Hai ademais formacións moi singulares, como as do gneis chamado ollo de sapo. E tamén hai pegadas de glaciarismo, formacións de pizarras e cuarcitas, unha estratigrafía completa de todas as épocas do Paleozoico inferior, un afloramento granítico no que se pode distinguir o fenómeno coñecido como metaformismo de contacto e ademais hai outros pregamentos xeolóxicos que non son tan espectaculares como o de Campodola pero resultan tamén moi suxestivos.
-Non faltan cousas para mostrar aos visitantes.
-Non, aquí hai un pouco de todo e poden verse moitos fenómenos xeolóxicos que son moi interesantes para mostrar e explicar, ademais de fósiles, minas romanas e outros elementos. Agora o que fai falta é que veñan máis visitantes, e para conseguir iso hai que esforzarse entre todos, tanto as administracións como os cidadáns de a pé. Penso que a creación do xeoparque é unha oportunidade moi importante que non hai que perder, porque pode darlle un impulso moi forte ao turismo e ao desenvolvemento ecónómico.