«O ecomuseo de Arxeriz ten un valor educativo enorme»

f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Mar Bóveda coordina un programa sobre o patrimonio da Ribeira Sacra dentro do plan Proxecta da Xunta

24 abr 2019 . Actualizado a las 20:33 h.

María del Mar Bóveda López, con raíces familiares en Chantada, é a coordinadora dun dos programas incluídos este ano no plan Proxecta de educación patrimonial que promoven as consellerías de Educación e Cultura. Este programa, dirixido aos centros educativos, está centrado no patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra do Miño. Bóveda, que conta cunha ampla experiencia neste tipo de actividades educativas, traballa como profesional independente en colaboración con diferentes administracións e empresas

-Que centros están participando nestas actividades?

-En realidade este é o segundo ano que se levan a cabo. O ano pasado participaron o instituto A Pinguela e o colexio Escolapios, ambos de Monforte. Este ano participan o colexio Infanta Elena, tamén de Monforte. O ideal sería que nos próximos anos tamén tomen parte outros centros educativos da Ribeira Sacra e doutras partes de Galicia.

-Cal é o seu obxectivo?

-O que se pretende é fomentar o coñecemento e o interese dos alumnos polo patrimonio cultural e natural do territorio. En realidade non se dirixe só aos alumnos, xa que se pretende que través deles se fomente a valoración do patrimonio por parte das súas familias e doutras persoas coas que teñen relación. A educación patrimonial non é algo concibido unicamente para os rapaces senón para toda a sociedade, tanto pequenos como maiores.

-Como se desenvolve o programa?

-Por unha parte, os centros que participan están desenvolvendo ao longo de todo o curso diversas actividades relacionadas con determinados aspectos do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra, como poden ser a viticultura, as construcións tradicionais, a tradición oral e as lendas populares... Un profesor encárgase de coordinar estas actividades en cada centro. Estas iniciativas compleméntanse con itinerarios guiados que se levan a cabo entre abril e maio, que son as datas máis convenientes para os centros.

-Que lugares visitan?

-Tanto o ano pasado como este estamos levando aos rapaces ao ecomuseo Pazo de Arxeriz, no Saviñao. que participa neste programa. É un lugar que ten un valor educativo enorme, porque permite acceder ao mesmo tempo a moitos aspectos do patrimonio da Ribeira Sacra: a cultura fluvial, a viticultura, as festas populares, a arquitectura tradicional, a arqueoloxía... Ademais, encóntrase nun entorno paisaxístico moi adecuado para axudar a entender a natureza deste territorio. O museo non só ten moito valor polos seus contidos, senón tamén pola profesionalidade da xente que o atende e as explicacións que ofrecen aos visitantes. Pero tamén visitamos outros lugares, como a presa de Belesar, ou as adegas, no caso das actividades relacionadas coa viticultura. É moi importante que os nenos perciban a Ribeira Sacra como unha paisaxe dinámica que foi transformándose co paso do tempo e que é o que actualmente é grazas ao labor diario dos seus habitantes.

-Estas actividades relaciónanse dalgunha forma coa recente declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural?

-Por suposto, ese aspecto é moi importante á hora de deseñar as actividades que forman parte do programa. Un dos obxectivos é precisamente conseguir que os rapaces comprendan por que a Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural clasificada como BIC e cales son os valores que dentro dun tempo poden levala a ser declarada patrimonio da humanidade.