«O xeoparque está moi ben, pero non renunciamos a un parque natural»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Marcos Reinoso é responsable dunha empresa do sector turístico
Marcos Reinoso é responsable dunha empresa do sector turístico CEDIDA

Marcos Reinoso preside a Asociación Serra do Courel, que participa nas reunións para trazar o plan estratéxico do territorio

05 mar 2020 . Actualizado a las 20:15 h.

Marcos Reinoso Domínguez preside a Asociación Serra do Courel, que agrupa a unha gran parte das empresas turísticas que operan neste territorio e a persoas que traballan noutros ámbitos. O colectivo, que conta con cerca de medio cento de socios, toma parte nas reunións participativas convocadas para deseñar o plan estratéxico do xeoparque Montañas do Courel, que se desenvolven entre onte e hoxe nos tres concellos da comarca.

-Que supón o xeoparque para as empresas do sector turístico?

-Calquera recoñecemento deste tipo é evidentemente moi positivo para todos os que traballan neste ámbito, porque resalta o valor que ten o patrimonio natural e cultural do territorio e axuda a atraer turismo. Ter o xeoparque está moi ben, pero por outro lado a nosa asociación non renuncia a conseguir a declaración dun parque natural, porque a serra merece contar tamén con esta categoría.

-Hai anos que se intentou crear un parque natural, pero non foi posible.

-Non, aquela iniciativa non chegou a saír adiante, pero nós estamos decididos a continuar reclamando un parque natural. O xeoparque é moi interesante, pero non supón unha figura legal de protección como a que representa un parque natural. As dúas categorías son totalmente compatibles, e, de feito, unha boa parte dos xeoparques españois son ao mesmo tempo parques naturais.

-Que papel pode cumprir a súa asociación no deseño do plan estratéxico do xeoparque?

-O seu papel ten que ser básico na preparación deste plan, como o de todos os colectivos que existen neste territorio. Unha iniciativa como a do xeoparque non pode dar bos resultados se non se ten en conta o parecer das persoas que viven e traballan nestes municipios e que teñen un coñecemento directo dos seus problemas e das súas necesidades. Todos estes colectivos poden facer propostas e observacións que poden ser moi útiles para a xestión do xeoparque.

-Cales son as propostas que teñen previsto presentar?

-Un aspecto que nos parece importante é crear algún sistema de transporte público, con buses ou microbuses, para que tanto os veciños como os visitantes se despracen con máis facilidade dentro do xeoparque sen depender tanto dos automóbiles particulares. Tamén sería moi necesario crear canais para que as empresas dos diversos sectores que hai nestes municipios teñan máis contacto e colaboren máis entre elas, porque hai moita desconexión nese terreo.

«Hai que seguir traballando para desestacionalizar a afluencia turística»

En opinión de Reinoso, a actividade turística aumentou nos últimos anos na comarca de Quiroga, pero segue sufrindo diversas carencias.

-Cal é hoxe a situación do sector turístico local?

-Por un lado houbo un aumento notable da afluencia turística, pero por outra parte segue concentrada en épocas moi determinadas do ano, como o mes de agosto e algunhas fins de semana do outono e da primavera. Durante o resto do ano hai épocas que os visitantes son moi escasos. A desestacionalización é aínda unha cuestión que deixa moito que desexar.

-Que se podería facer para atraer máis visitantes nesas épocas?

-Sería necesario organizar máis actividades co suficiente atractivo para animar á xente a visitar este territorio neses períodos. No inverno é moito máis difícil conseguir ese obxectivo, pero polo menos habería que intentar que a afluencia medrase un pouco nesas época do ano. A nosa asociación xa está facendo un importante esforzo nese sentido, organizando actividades como o ciclo de concertos CourelSon, que se celebra durante o verán, pero hai que seguir traballando para fomentar a desestacionalización. Esperemos que o xeoparque sirva de axuda para avanzar nesa dirección.