O deportista José Manuel Calderón promoverá o Camiño de Inverno

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Calderón nun campus de baloncesto impartido en Ribadeo, nunha imaxe de arquivo
Calderón nun campus de baloncesto impartido en Ribadeo, nunha imaxe de arquivo XAIME RAMALLAL

O antigo xogador da NBA iniciará o 3 de agosto unha peregrinación en Monforte

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O antigo xogador de baloncesto José Manuel Calderón axudará a promover o Camiño de Inverno cun percorrido pola ruta que comezará en Monforte o 3 de agosto. A peregrinación do deportista encádrase na sexta edición da iniciativa «El Camino acaba en Obradoiro», organizada polo club de baloncesto compostelán Monbus Obradoiro en colaboración coa Xunta e co patrocinio de varias empresas, que ten por obxectivo promover as rutas xacobeas -potenciando os seus vínculos co mundo do deporte- e recadar fondos para fins solidarias.

A iniciativa foi presentada polo conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, xunto con Lupe Murillo, conselleira do Monbus Obradoiro, e Emilio Barreiro, director territorial de Caixabank en Galicia. Rodríguez sinalou que o percorrido ten a finalidade de «reactivar o Camiño de Inverno». Segundo explicaron na presentación, José Manuel Calderón cubrirá primeiramente o tramo da ruta que vai de Monforte a Chantada. Seguidamente pasará por Rodeiro e Silleda e na última etapa cubrirá o traxecto de Ponte Ulla a Compostela.

Outros participantes

Durante o seu percorrido polo Camiño de Inverno, Calderón será acompañado por outros deportistas -como Juan Antonio Corbalán e Amaya Valdemoro, tamén antigos xogadores de baloncesto- e Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro. Os fondos desta edición do programa «El Camino acaba en Obradoiro», indican por outra parte os promotores, «destinaranse a apoiar a educación integral dos mozos a través do baloncesto e permitindo a posibilidade de incorporar programas na canteira do Obradoiro CAB para xoves promesas do baloncesto, independentemente da súa realidade social».

O conselleiro en funcións apuntou ademais que na carreira deportiva de Calderón pódense encontrar «valores como o esforzo, o compromiso e o compañeirismo, que tamén están moi presentes na peregrinación». Estes valores -engadiu Rodríguez- «faranse visibles neste proxecto, que contribuirá á reactivación do camiño».

O percorrido será recollido nun documental que tamén se dedicará á Ribeira Sacra

A Consellería de Cultura e Turismo sinala que a nova edición do proxecto «El Camino acaba en Obradoiro», ademais de divulgar o Camiño de Inverno e promover a imaxe de Galicia, terá por obxectivo realizar un documental sobre a peregrinación de José Manuel Calderón e homenaxear ao xogador, o cuarto español que participou na NBA e integrante da selección que gañou o campionato mundial de baloncesto disputada en Xapón no 2006. O deportista tamén obtivo medallas de prata nas olimpíadas de Pequín e Londres, e de bronce nas de Río de Xaneiro. «Calderón, igual que o resto de peregrinos que elixen este camiño, poderá gozar durante a súa experiencia de paisaxes de enorme riqueza como a Ribeira Sacra, a un ano vista do seu agardado recoñecemento por parte da Unesco», dixo por outra parte Román Rodríguez.

Así mesmo, o conselleiro en funcións recordou que o seu departamento destinou este ano 1,5 millóns de euros ao financiamento de traballos de sinalización, acondicionamento e mellora do Camiño de Inverno. «Estamos convencidos de que co noso esforzo e con colaboradores como o Obradoiro e Calderón conseguiremos fomentar e impulsar as riquezas deste importante trazado», agregou Rodríguez.

Un precedente

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra saudou a iniciativa no seu perfil de Facebook. O colectivo xa recorreu ao deporte para promover o Camiño de Inverno, organizando nos últimos anos varias carreiras do atleta chantadino Fernando Ibarra por esta ruta xacobea, desde Ponferrada ata Santiago.

Unha iniciativa que comezou no 2015 e na que xa participaron cinco figuras do deporte

O programa «El Camino acaba en Obradoiro» comezou a desenvolverse no 2015 e nas súas sucesivas edicións tivo por escenario diferentes rutas xacobeas. Na primeira delas, o antigo xogador e adestrador de baloncesto estadounidense Terry Porter percorreu o Camiño Francés desde Sarria ata Santiago. No 2016, Juan Antonio Corbalán viaxou a pé polo Camiño Primitivo. No ano seguinte, o deportista greco-estadounidense Nikos Galis peregrinou polo Camiño Inglés e no 2017, o croata Aleksandar Petrovic fixo o mesmo polo Camiño Portugués. Na última edición celebrada ata agora, Amaya Valdemoro percorreu a Vía da Prata partindo de Ourense.

As peregrinacións realizadas por estes deportistas foron gravadas en vídeo e divulgadas no portal YouTube e na páxina web oficial do proxecto, que pode verse no enderezo elcaminoacabaenobradoiro.com. En todos estes percorridos, os protagonistas de cada peregrinación foron acompañados por outros profesionais e tamén por integrantes de asociacións deportivas dos municipios polos que pasan as rutas.