«Corremos o risco de morrer de éxito, a Ribeira Sacra debe crecer de maneira sostible»
LEMOS
Alexandra Seara, xerente do consorcio turístico, sinala que o destino rexistrou durante o ano pasado 300.000 pernoctacións
13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que resulte paradóxico non hai tanto tempo que a Ribeira Sacra ourensá non existía en Lugo e da lucense non se tiñan novas, é un dicir, en Ourense. No ano 2005 nacía o Consorcio de turismo Ribeira Sacra e a realidade, máis de tres lustros despois, é vizosa e albisca un futuro de grandes posibilidades. Alexandra Seara Sobrino é a xerente do consorcio dende o 2008.
-Cantos concellos forman o destino: 20, 21, 25?
-Cando botou a andar o consorcio eran vinte. Agora somos 21 e hai catro pendentes de integrar para que sexan os 25 que están no BIC e no destino turístico: San Xoán de Río, Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa.
-Hai días que o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, lle entregou en Fitur a certificación Sicted. É un recoñecemento ao feito nestes anos?
-Levabamos tempo tentando poñer en marcha o destino Sicted (sistema integral de calidade turística en destino) e unha distinción como esta é unha aposta que nos posiciona e potencia a Ribeira Sacra como referencia. Valoraron moito que se tratase dun territorio tan amplo, que corresponda a dúas provincias e que se implicasen as empresas.
-Tamén se presentou alí o plan de sostibilidade. En que consiste e cales son os obxectivos?
-Estamos comezando a xestionar un plan de sostibilidade turística para o período 2020-2023. Ten unha dotación de dous millóns de euros e contamos co apoio da Secretaría do Turismo do Estado, a Xunta, as deputacións e o consorcio. Queremos poñer as bases para que este crecemento que está experimentando a Ribeira Sacra se faga responsable e non poñamos en perigo os valores do destino. Incidiremos moito en mellorar a mobilidade e a descarbonización. Tamén temos un Pacto pola paisaxe, con Medio Ambiente, que está dotado con 550.000 euros ata o 2022.
-Por que pasaría?
-Entre outras cousas por crear aparcamentos disuasorios -e un sistema de transporte para achegar aos visitantes ata os recursos-, fomentar o uso de bicicletas para determinadas rutas, a cita previa e apoiar o cambio de motores ou a incorporación de barcos que non empreguen fuel -a día de hoxe só un dos que percorren o Miño e o Sil é de tipo híbrido-. Queremos que no 2030 o 70 % do transporte turístico na zona sexa eléctrico.
-Dende o consorcio constátase un cambio de tendencia na zona?
-Sen dúbida. O plan de dinamización turística foi fundamental para o cambio de tendencia e está fixando poboación. Agora ves que hai mozos que apostan por promover os seus propios proxectos, volver ou coller o relevo xeracional cando antes o obxectivo era marchar para unha cidade para buscar saída profesional.
-Como foi a evolución da demanda e cantos visitantes pasan ao ano pola Ribeira Sacra?
-Dende a posta en marcha do consorcio e a creación do destino turístico a demanda foi incrementándose ano a ano. Tivo un parón, e ata un pequeno receso, na crise 2009-2011 e a partir do 2012 retomou os valores positivos. O número de visitantes é moi difícil de calcular pero si que hai un dato estatístico significativo: no ano 2020 entre hoteis e establecementos de turismo rural -sen contar outras modalidades- rexistráronse 300.000 pernoctacións no destino. Daquela o futuro pasa por non pór en perigo o destino: hai que ir crecendo de maneira sostible e desestacionalizar o destino, senón corremos o risco de morrer de éxito. Hai que controlar a capacidade de carga dos recursos.
-Mirando o outro lado da balanza cales son as debilidades?
-A fraxilidade do destino -ao ser zona rural- e os aspectos que debemos mellorar: coordinar máis o traballo conxunto entre a iniciativa pública e privada, manter e dotar de máis seguridade as estradas ou homoxeneizar a sinalización, entre outros aspectos.
«A Ribeira Sacra será Patrimonio da Humanidade. Hai cousas que corrixir e así se fará»
Amosa seguridade e confianza co espazo no que se move e está certa en que a Ribeira Sacra conseguirá o recoñecemento da Unesco. Incide na importancia de ampliar a tempada para desestacionalizar -«xunto con Compostela somos o destino máis demandado fóra do que se consideran as tempadas oficiais»- e lembra que o outono é un momento especial para gozar das paisaxes da zona.
-O informe Icomos impedirá a declaración como Patrimonio da Humanidade?
-Non. Estou convencida de que a Ribeira Sacra será recoñecida pola Unesco. Hai cousas que corrixir e así se fará. Tardaremos algo máis pero será recoñecida a singularidade deste territorio.
-Alúdese a aspectos como que os encoros racharon a continuidade do territorio, que só queda un mosteiro con actividade relixiosa -o de Pantón-, a existencia de parques eólicos ou canteiras... semellan que son moito máis que anécdotas.
-Algunhas das cousas que se apuntan están fóra da realidade. O que figura na candidatura é o territorio que está dentro do BIC, non todo o espazo considerado Ribeira Sacra. No mesmo non existen parques eólicos e tampouco hai canteiras; puido haber algunha en tempos pero cos anos que leva abandonada xa está integrada na paisaxe. O dos encoros hai que miralo coa perspectiva do tempo: no seu día foron fonte de riqueza. Iso mudou, é certo, pero grazas a eles podemos ter a espectacularidade que vendemos como as paisaxes e o atractivo dos canóns do Sil. Non existe a actividade relixiosa dende hai séculos? Tamén a muralla de Lugo perdeu o seu carácter e hoxe non defende a ninguén... e foi recoñecida pola Unesco. Tardaremos pero teño claro que o conseguiremos.
Sen tempo para as viaxes aprazadas e cunha paixón de nome Leire
A xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra é unha ourensá da colleita de 1985 que logo de titularse na materia rematou aterrando nese territorio espallado ás dúas beiras dos ríos máis importantes de Galicia.
-Como acabou na responsabilidade de xestionar o destino turístico?
-Estaba cursando o Mestrado de Turismo de Interior e de Saúde e no segundo ano estiven vinculada ao proxecto e rematei por quedarme aquí.
-Cales son as vacacións ou os destinos polos que se decanta unha persoa que se dedica profesionalmente ao turismo?
-As miñas vacacións son historia. Ao menos tal e como eran antes. Viaxes de fin de semana e visitas ou escapadas a cidades europeas ocupaban hai anos as miñas preferencias nese terreo. Dende o 2008, que comecei no consorcio, xa foi diferente -sempre hai que estar pendente das necesidades e dos proxectos en marcha-. E logo xa cambiou todo cando casei hai cinco anos. Teño un traballo nun lugar incrible pero é certo que me esixe moitas horas. O meu marido di que o traballo é, en parte, un hobby para min.
-E onde desconecta?
-Dende que casei e tiven á miña filla, hai tres anos, mudaron moito as cousas. A familia do meu marido veraneou sempre quince días en Cantabria e ata alá, a Noja, facemos agora as escapadas cando podemos.
-A que dedica o tempo libre ou que afeccións ten?
-Aínda que pasa o mesmo que coas vacacións, que moito mudaron dun tempo a esta parte, a lectura e o cine foron de sempre actividades polas que me decantei. No primeiro apartado as miñas preferencias pasan pola novela histórica. Aínda que leo de todo. Iso si, dun tempo a esta parte son afeccións algo esquecidas.
-A «culpable» ten nome de muller e figura na súa imaxe de WhatsApp?
-A mesma. Se tivese que apuntar algunha afección actual non hai dúbida de que a mesma se chama Leire e que ten tres anos. É a quen lle dedico o pouco tempo libre que me queda.