«O castiñeiro é nativo do Courel, pero non se sabe desde cando existen os soutos»
LEMOS
Muñoz dará unha charla sobre a historia da presenza desta especie na serra
19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Castor Muñoz Sobrino, profesor de bioloxía vexetal da Universidade de Vigo, participará no quinto seminario Patrimonio Cultural do Courel cunha conferencia sobre a historia da presenza dos castiñeiros neste territorio. A súa charla ofrecerase o día 25 -ás 12.30 horas- na estación científica de Seoane. Muñoz ten realizado investigacións sobre a vexetación antiga da serra a través de análises de pole fosilizado.
-Sábese con certeza desde cando existen castiñeiros na serra do Courel?
-Os datos polínicos recollidos nas montañas galegas indican que as árbores do xénero Castanea están presentes neste territorio desde finais da glaciación, así que se pode afirmar con certeza que son nativas deste territorio desde esa época. O pole do castiñeiro ten aparecido en análises realizados nos depósitos de sedimentos da lagoa da Lucenza - no municipio de Folgoso do Courel- e do pozo do Carballal, en Pedrafita do Cebreiro. Tamén se ten encontrado nas turbeiras de Pedrafita e en lugares como Bañuelos -en León- e diversos puntos da cordilleira Cantábrica.
-Entón non os trouxeron os romanos, en contra do que se ten dito moitas veces.
-Non, porque hoxe en día está claro que aquí había castiñeiros desde o Holoceno, antes da introdución da agricultura. Os castiñeiros son oriúndos destes territorios e non foron introducidos polo home. Tampouco está nada claro que se cultivasen na época romana. Noutros lugares tense dito que puideron ser cultivados polos romanos, non para consumir o froito, senón para obter madeira para facer estacas para as vides e para outros usos, pero non hai evidencias suficientes como para afirmalo. O problema é que os sistemas sedimentarios son moi discontinuos no que se refire á Idade do Ferro e á época romana, e é moi difícil obter datos polínicos que nos permitan saber máis cousas sobre a presenza dos castiñeiros neses períodos.
-E sábese desde cando existen os soutos?
-Cos datos que temos actualmente tampouco se pode saber con certeza. Pero penso que o máis probable é que os soutos como tales comezasen a ser cultivados na Idade Media. Hai documentos conservados nos arquivos dos mosteiros que falan dos castiñeiros e tamén hai bastantes mostras de pole dese período. As datacións dos socalcos vitícolas que se fixeron recentemente na Ribeira Sacra indican que esas estruturas comezaron a ser construídas en torno ao século X e é moi probable que fose tamén nesa época cando se comezaron a cultivar soutos. Todo apunta a que nesa época houbo unha revolución agrícola vinculada aos mosteiros e non sería estraño que os socalcos vitícolas e os soutos aparecen máis ou menos ao mesmo tempo.
-E que se pode dicir dos inicios do uso da castaña para a alimentación humana en Galicia?
-Antes da Idade Media tampouco hai nada seguro. Os indicios evidentes de consumo máis antigos que se coñecen son da época medieval, pero dos períodos anteriores non se pode afirmar nada con seguridade. Na época romana e na Idade do Ferro xa había castañas, pero non sabemos si se utilizaban para o consumo humano. Ao mellor pasado mañá aparece un xacemento arqueolóxico que nos aclare esta cuestión e que o cambie todo, pero por agora iso non sucedeu.
Unhas formacións de gran importancia ambiental creadas pola intervención humana
Os soutos constitúen un dos elementos máis característicos da paisaxe tradicional da serra do Courel, pero Castor Muñoz sinala que non se debe esquecer que estes bosques non se formaron de forma natural.
-En que medida se poden considerar os soutos como bosques?
-A súa orixe antrópica está moi clara, así que talvez habería que dicir «bosques» entre aspas. Cando permanecen abandonados durante moitos anos pode adquirir algunha aparencia de bosque natural, pero fixándose un pouco, nótase que incluso neses casos as árbores están aliñadas seguindo unha orde e unha regularidade. Son plantacións asilvestradas, pero non deixan de ser plantacións. Son unhas formacións moi diferentes dun bosque que se desenvolve de maneira natural. Por iso o título da conferencia que vou dar no seminario Patrimonio Cultural do Courel fala do xénero Castanea e non dos soutos. Porque vou falar da historia da presenza destas árbores do Courel, que hoxe sabemos que remonta a moitos miles de anos. En cambio, aínda que non sabemos con certeza desde cando hai soutos no Courel, está claro que a súa historia é moito máis recente e que probablemente non empeza antes da Idade Media.
-Pero estas formacións teñen moita importancia desde o punto de vista medioambiental.
-Claro que si, e non só en Galicia, porque os soutos están recoñecidos oficialmente como unha categoría de hábitat pola Unión Europea. Teñen un valor moi importante nese sentido, pero en todo caso son un produto da intervención humana. E tamén teñen un valor cultural e histórico e indiscutible.