«Nalgunhas partes da Ribeira Sacra pode haber socalcos anteriores ao século X»
LEMOS
Cruz Ferro falou na Pobra do Brollón sobre a datación das terrazas vitícolas
26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A edafóloga Cruz Ferro formou parte do equipo que levou a cabo a primeira datación por radiocarbono das tradicionais terrazas vitícolas da Ribeira Sacra, que foi dada a coñecer a pasada primavera. A investigación realizouse na parroquia de Vilachá de Salvadur -na Pobra do Brollón- e o seu resultado indicou que o os socalcos desta parte da ribeira do Sil, coñecidos localmente como pataos, foron construídos no século X. A científica deu o pasado venres unha conferencia sobre as súas investigacións dentro das xornadas sobre «A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media», celebradas na parroquia de Cereixa, no mesmo municipio.
-É posible que noutras partes da Ribeira Sacra haxa socalcos máis antigos que os de Vilachá?
-Cabe esa posibilidade, porque aínda que en Galicia non se fixeron ata agora moitas datacións deste tipo, está comprobado que xa se construíron terrazas para uso agrícola no século VII. Esa é a cronoloxía que obtivemos no monte Gaiás de Santiago nunha investigación do Instituto de Ciencias del Patrimonio. Outra datación que se fixo en Santa Mariña de Augas Santas, no municipio de Allariz, deu un resultado similar ao de Vilachá.
-Sería interesante facer máis datacións noutras áreas deste territorio?
-Habería que facer máis datacións en toda Galicia, porque o que sabemos sobre a historia destas estruturas é aínda moi pouco. De momento, as únicas investigacións deste tipo que se fixeron en todo o territorio galego son as que mencionei. Facendo máis datacións noutras áreas da Ribeira Sacra poderían aparecer socalcos dunha antigüidade similar ás do monte Gaiás. Hai que ter en conta que Vilachá está no que podemos chamar a periferia da Ribeira Sacra e os socalcos que estudamos están nunha zona de pendentes extremas, onde hai que facer moito máis esforzo para modificar as ladeiras que en lugares como o Gaiás. Noutras zonas da Ribeira Sacra menos marxinais e con menores pendentes pode haber terrazas máis antigas, pero mentres non se fagan novas datacións non o podemos afirmar.
-A orixe das terrazas da Ribeira Sacra tense atribuído moitas veces aos romanos.
-Atribuír as orixes destas paisaxes aos romanos pode ser unha idea atractiva e fácil de comunicar, pero é algo que non ten base científica. É un discurso que ten circulado moito, pero que non se corresponde co que sabemos actualmente grazas aos estudos científicos. Pasa o mesmo con esa idea que se ten da Idade Media como unha época escura, pobre e pouco desenvolvida. É unha imaxe negativa que ten perdurado durante décadas, pero agora estamos vendo non foi así, que nesa época houbo moita actividade e innovación na agricultura e noutros terreos. Agora estamos comezando a entender a magnitude das transformacións que se produciron na época medieval e que modelaron en grande parte a paisaxe actual da Ribeira Sacra e doutros territorios.
«É importante poñer a historia nas mans das comunidades locais, dos seus protagonistas»
Cruz Ferro considera de especial interese os proxectos arqueolóxicos que se desenvolven actualmente na Pobra do Brollón.
-Que lle parece máis interesante nestas iniciativas?
-Proxectos como os que se levan a cabo en Cereixa e Vilachá parécenme importantes porque son iniciativas de arqueoloxía social, nas que os investigadores se preocupan por poñer o seu traballo ao alcance dos veciños organizando moitas actividades divulgativas. E por outro lado, estes proxectos teñen por fin rescatar a historia das pequenas comunidades locais, unha historia que non se escribiu. Os relatos históricos escritos que temos foron producidos por elites e recollen os seus intereses, non os da xente de a pé. Estes proxectos axudan a democratizar a historia, a poñela en mans de quen a fixo, dos seus protagonistas, porque as comunidades actuais que viven nestes territorios descenden das que construíron durante séculos a paisaxe que coñecemos hoxe.
-Investigar os solos pode axudar a recuperar esas partes descoñecidas da historia?
-Si, porque os estudos edafolóxicos poden proporcionarnos moita información sobre as condicións ambientais e as actividades agrícolas dos tempos pasados, e polo tanto a entender mellor as condicións de vida desas antigas comunidades, das que falta moito por saber.