O proxecto é promovido pola antiga deputada autonómica Paula Vázquez
06 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Unha vivenda de tipo tradicional de Proendos será acondicionada para acoller a primeira librería situada nunha parroquia rural da Ribeira Sacra. A iniciativa é promovida por Paula Vázquez Verao, concelleira na corporación de Sober a antiga deputada autonómica de En Marea. O proxecto de creación desta librería quedou finalista no concurso de ideas empresariais Semente da Ribeira Sacra, que se fallará proximamente. «Aínda que non consiga o premio, teño toda a intención de levar adiante este proxecto», di a promotora.
O novo establecemento, denominado A Libraría da Proencia, comezará a funcionar no ámbito dixital o próximo día 18. O proxecto comprende ademais a apertura dunha librería física, situada no referido edificio, pero para iso aínda é necesario acondicionar o local. «Espero poder abrir a tenda física para o ano que vén», explica Paula Vázquez.
Segundo explica a promotora, a librería dedicarase por unha parte a comercializar libros sobre Sober e a Ribeira Sacra. Entre os primeiros títulos que distribuirá están Alma de barro, da escritora soberina Moncha Prieto, e A pintura manierista en Sober, de Xosé Lois García, ambos de recente aparición. Vázquez tamén ten previsto incluír no seu catálogo unha serie de obras divulgativas sobre o mundo romano, aproveitando o feito de que proximamente será aberto ao público o xacemento arqueolóxico existente nesta localidade. «Tamén incluirei libros doutro tipo e teño previsto traballar sobre todo con editoriais pequenas e independentes», apunta a este respecto a empresaria.
Vázquez ten previsto así mesmo comercializar postais de temática local editadas por ela mesma. «Non serán as típicas postais de paisaxes, senón que mostrarán imaxes representativas do patrimonio local, como as pinturas renacentistas da igrexa de Proendos», sinala. O establecemento tamén distribuirá diferentes tipos de recordos turísticos de elaboración artesanal, como pezas de olaría de Gundivós e bolsas de tea con deseños da artista Sonia Álvarez Carnero.
Animación cultural e rutas
Por outro lado, a promotora pretende que o local funcione como un centro de animación cultural, acollendo presentacións de libros, exposicións e outras actividades. Paula Vázquez, que actualmente cursa un ciclo de turismo, ten previsto ofrecer tamén rutas guiadas por Proendos unha vez que complete esta formación e conte co título oficial de guía.
Pero por agora o primeiro que se porá en funcionamento é a librería dixital, que este mes comezará a distribuír libros, postais e pezas de artesanía. O negocio xa conta cunha páxina web e cun perfil en Facebook. «Xa estou recibindo os primeiros pedidos», di a promotora.