Ángeles Rivada: «O pazo de Tor é o lugar onde pasei toda a miña vida, desde os 9 anos»
LEMOS
A última ama de chaves da antiga residencia señorial de Monforte, musealizada no 2006, traballou no seu coidado desde a súa infancia ata a súa xubilación
23 may 2022 . Actualizado a las 18:26 h.Ángeles Rivada González participou esta semana na inauguración das novos espazos visitables do museo do pazo de Tor —en Monforte—, que corresponden ás estancias onde vivía o persoal de servizo doméstico desta antiga residencia señorial. Desde 1959 ata súa xubilación —hai oito anos—, Rivada traballou no coidado do pazo, primeiro ao servizo dos seus propietarios e despois por conta da Deputación, cando a propiedade foi cedida ao organismo provincial. Cando comezou a traballar no pazo tiña só 9 anos de idade.
—Como ingresou no servizo do pazo?
—Eu vivía coa miña familia na parroquia de San Xoán de Tor e eramos oito irmáns. O pai da señora [a última propietaria do pazo, María Paz Taboada de Zúñiga, falecida en 1998] díxolle a meu pai se me podía enviar a axudar un pouco no servizo e así foi como comecei.
—De que se encargaba entón?
—Ao principio facía pouca cousa, porque no servizo do pazo traballaban dúas doncelas, unha cociñeira e outros empregados, e ademais eu tiña que ir ao colexio de mañá e de tarde. O que facía sobre todo era axudar ao señor a ordenar un pouco as cousas da casa, porque el padecía moito da vista. Operárano das cataratas, pero a operación non saíra ben. O que facía eu era axudalo a recordar onde estaba cada cousa e afeitalo cunha máquina eléctrica. Eu ao principio durmía nun dos cuartos dos criados, na planta baixa, pero foi por pouco tempo, porque despois dormía na planta alta, no cuarto infantil, acompañando á señora.
—E que fixo despois?
—Cando medrei pasei a traballar máis no servizo, na cociña e na limpeza. Caseime no pazo e meu marido e eu ocupábamonos de vixiar a casa e dos labores daomésticos e da finca. A señora vivía entón durante maior parte do ano en Madrid, aínda que despois veuse a vivir tamén ao pazo.
—Durante eses anos no pazo rodáronse varias películas. Como foi esa experiencia?
—A máis importante foi cando rodaron Beatriz [dirixida por Gonzalo Suárez], porque iso durou varios meses, entre 1975 e 1976, e ademais participaban actores famosos, como Carmen Sevilla, José Sacristán e Nadiuska. Tiven moito trato con eles e Carmen Sevilla pedíame a miúdo que lle preparase un café con leite, porque a rodaxe foi en pleno inverno e os actores pasaron bastante frío. Había moita expectación e tiveron que poñer un vixilante na porta para que non entrasen os rapaces que se acercaban para intentar ver aos actores, sobre todo a Nadiuska, que era un mito erótico daqueles anos do «destape». Despois rodáronse algunhas escenas de El rey del río [de Manuel Gutiérrez Aragón, estreada en 1995] e varias curtametraxes, pero esas filmacións duraron pouco tempo, non como Beatriz.
—O pazo tamén foi frecuentado por escritores como Uxío Novoneyra e Manuel María.
—Uxío Novoneyra tiña trato sobre todo co señor e xa viña moitas veces con amigos a pasar aquí varios días cando aínda estaba solteiro. Manuel María veu por aquí máis tarde, tiña moito trato coa señora e levaba a moitos intelectuais e artistas a visitar o pazo. A señora tratábase moito con estes visitantes e penso que era un pouco galeguista, aínda que as súas ideas políticas non fosen as mesmas que as da maioría da xente que viña con Manuel María.
«Creo que María Paz Taboada estaría moi contenta de ver como funciona hoxe o museo»
Durante os seus últimos anos de vida, a propietaria do pazo monfortino sufriu de incapacidade e Ángeles Rivada ocupouse de coidala a diario. Despois do falecemento de María Paz Taboada e conforme ás súas últimas vontades, a propiedade pasou a ser xestionada pola Deputación lucense. Durante uns anos, cando Francisco Cacharro Pardo ocupaba a presidencia do organismo provincial, un edificio situado no terreo do pazo albergou un centro cinexético e piscícola. Máis tarde foi transformado nun museo etnográfico que foi inaugurado en xullo do 2006.
—Como recorda a María Paz Taboada?
—Con moito afecto, porque foi unha persoa moi importante na miña vida. Ela era moi alegre e sociable, moi amiga dos veciños. Tiña moitas amizades e no pazo sempre había moita xente que viña visitala.
—De que se ocupou cando o pazo foi cedido á Deputación?
—Nesa época, cando foi un centro cinexético, ocupámonos de vixiar o pazo e de atender ás visitas. Cando o pazo foi transformado en museo seguimos traballando nel, axudando ao seu mantemento. Cando a señora legou a propiedade á Deputación puxo como condición que o persoal da casa seguise traballando no pazo e así foi.
—Que lle parece ver agora o pazo convertido en museo?
—É moi emocionante, porque para min o pazo é toda a miña vida, vivín aquí desde nena, tiven aquí aos meus fillos.... Aquí vivín moitas historias alegres e tristes. E paréceme moi ben que se cumprise a vontade da María Paz Taboada, que cedeu precisamente o pazo para que o puidese coñecer todo o mundo. Hoxe vén moita xente a visitalo e o persoal que o atende fai un gran traballo. Creo que ela estaría moi contenta de ver como funciona hoxe o museo.