«Ser o único galego no Dakar supón máis responsabilidade para min»

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O deportista local afronta a súa sexta participación nesta proba de motor

26 dic 2024 . Actualizado a las 18:07 h.

Son 8.000 kilómetros os que esperan ao piloto monfortino Eduardo Iglesias. O deportista local afronta entre os vindeiros días 3 e 17 de xaneiro do 2025 o seu sexto Dakar. E faino coa mesma ilusión con que encarou os cinco anteriores. Será o único piloto galego en motos presente na proba de motor máis dura do mundo. O luns emprende viaxe rumbo a Arabia Saudí, e precisamente alí tomará o martes as uvas da sorte.

—Que sensacións ten de cara a este Dakar?

—As sensacións son moi boas. É verdade que estes días están sendo intensos, porque estamos ultimando detalles. E si, faise estresante. Por iso teño ganas de que chegue o 3 de xaneiro para darlle gas á moto. A preparación está feita e agora toca competir.

—Encara este Dakar coa mesma ilusión que afrontou o primeiro?

—Ilusión e ganas teño moitas. O que pasa é que a ilusión é diferente, porque cando debutas eres máis inxenuo porque compiten nunha proba que non coñeces, e o primeiro é moi especial por todo o que supón. De todos os xeitos, teño que dicir que vou con moita ilusión, igual que fun nos cinco anteriores.

—Medo ou respecto?

—Hai unha mezcla das dúas cousas. Si afronto a proba con moito respecto, porque estamos falando dun rallie perigoso no que se producen accidentes e algúns cun desenlace tráxico. E medo sempre levas un pouco por iso. Todo o que encerra o Dakar fai que sexa unha proba que ten moitos seguidores.

—Cal é o obxectivo?

—A prioridade é rematar o Dakar. Conseguilo xa é un éxito para o proxecto que lidero. É un orgullo subir ao podio despregando a bandeira galega. De verdade, é o máximo. Pero é certo que me gustaría mellorar o posto 53 que acadei no ano 2021, e iso pasa por rematar entre os 50 primeiros pilotos. Pero non será doado, porque cada vez hai más nivel. E os novos que comezan danlle moito gas.

—Onde está a clave para facer un bo Dakar?

—A clave está en non caer e en non meterse en problemas. Hai que conservar bastante a mecánica e non machacar demasiado a moto, porque senón igual tes que dicir adeus ao Dakar con antelación.

—Vaia circuíto prepararon este ano os organizadores, non si?

—Eu teño por costume non analizar as etapas. Considero que non me teño que centrar na etapa 11 se aínda non fixen a primeira. Pero é verdade que a clave deste Dakar estará na primeira semana. En función de como remates neses días, concluirás a proba. Os primeiros días deste Dakar pintan moi duros. Non hai que esquecer que nesa franxa está a etapa das 48 horas.

—Que supón para vostede ser o único galego neste Dakar?

—Sinceramente, máis responsabilidade. Iso si, será un orgullo poder levar e despregar de novo a bandeira galega no podio. Pero non supón máis presión.

—Como afronta a proba dende o punto de vista mental?

—Fisicamente si podes facer unha valoración, pero o aspecto mental é máis difícil de valorar. Pero teño que dicir que este ano no eido anímico estou ben, algo que non sucedeu a edición pasada.

—Por que?

—Porque viña de sufrir había un ano aquel accidente que me retirou antes de tempo. Aí si que me custou dar gas a fondo. Pero de cara a esta edición estou moi animado.

«Estrear moto é unha motivación extra»

Edu Iglesias está contento co feito de estrear nova moto. Considera que a nova máquina ofrécelle mellores e máis prestacións. Asimesmo, o piloto monfortino agradece o apoio dos seus patrocinadores e das administracións. Entende que sen as súas achegas non podería competir de novo na proba de motor máis importante do mundo.

—Qué vantaxes ten para vostede o feito de estrear moto neste Dakar?

—Estou moi ledo. Estamos a falar dunha evolución da KTM, cun mellor chasis e máis lixeira. Isto axudarame moito, porque o feito de que sexa máis lixeira fará que me canse menos, e que nas dunas non teña tantas dificultades, porque aínda que se atasque serei capaz de manexala mellor. O feito de estrear moto supón para min unha motivación extra.

—Está satisfeito co respaldo das institucións?

—Estou moi ledo, porque todas as institucións se portaron moi ben comigo. Apoiáronme todas. Para min é unha honra poder levar o nome de Monforte, de Lugo e de Galicia por todo o mundo. Estamos a falar da proba de motor máis importante do mundo. Grazas as institucións e aos patrocinadores privados podo competir un ano máis no Dakar. E quero destacar que o meu proxecto convive con diferentes administracións nas que gobernan forzas políticas distintas. Estou feliz por todo o apoio que recibín e recibo.

—Que mensaxe lle traslada aos afeccionados ao mundo do motor?

—Quero agradecerlles o apoio que me brindan sempre. Espero estar á altura. Será un pracer e un orgullo poder representar a Monforte, Lugo e Galicia neste Dakar. O meu obxectivo é facer eses 8.000 kilómetros que ten este Dakar e chegar o día 17 de xaneiro a Shubaytah.

—E un ano máis tocaralle tomar as uvas fóra de Monforte?

—Así é. O luns que vén saímos pola tarde cara Barcelona, e o martes, día 31 volamos cara Arabia Saudí. Chegaremos sobre as dez e media da noite, hora española, a Bisha, polo que comeremos as uvas alí. E tamén teño que dicir que o día 5, xusto na noite de Reis, estaremos en tendas de campaña, porque coincide coa etapa das 48 horas.