O seleccionador de Indonesia recoñece que o seu gran soño sería regresar algún día a Chantada e gozar dun fútbol sala máis vinculado a categorías de formación
07 ene 2025 . Actualizado a las 16:31 h.O chantadino Héctor Souto está facendo un bo traballo como seleccionador absoluto de Indonesia. A súa traxectoria serviulle para estar nominado por Futsal Planet entre os dez mellores seleccionadores de fútbol sala do mundo. O técnico asegura que este recoñecemento abrangue a moitas persoas. Souto tamén fala de futuro.
—Que supón para vostede esta nominación?
—Non creo moito nos recoñecementos individuais. Realemente esta nominacións son froito do traballo de moita xente que saen reflectidas na miña persoa. Se gañas saes nominado, polo tanto o que un debe facer é enfocarse no día a día con esmero. O resto ven dado.
—Con que se queda do seu paso polo fútbol sala asiático?
—En Indonesia, entre selección e club acadamos 4 títulos de 4 disputados. Os resultados son case inmellorables. Quedo coa implementación da metodoloxía de traballo e ca progresión que conseguimos tanto no club como na selección. A nivel de títulos, a AFF de clubs foi moi especial pero AFF Championship despois de 14 anos foi un fito moi importante no país e no sueste asiático.
—A quen adica todo isto?
—A miña parella, a meus pais e a miña irmá que son os que máis sofren o meu exilio. Cando acadamos unha vitoria, un título ou unha nominación alégrome máis por eles que por min. Ben o teñen merecido.
—En que intre se atopa o fútbol sala en Indonesia?
—Estamos nun momento clave. Se conseguimos cambiar a dinámica e mellorar as condicións dos clubs hai certo potencial de igualar a Tailandia. Hoxe en día non é unha realidade pero traballaremos para sentar bases sólidas para que si sexa posible a 10 anos vista.
—Volverá adestrar en España?
—Obviamente é un prestixio adestrar en España. Volver a liga española é un reto e unha ilusión ó mesmo tempo. Pero o meu gran soño sería poder volver algún día a Chantada e gozar doutro tipo de fútbol sala, quizais máis vinculado a categorías de formación, algo que xa fixen e sinceramente me encantaba.