![](https://img.lavdg.com/sc/vEUzq1lJ4ISVxyaDwrWsvZSDm18=/480x/2025/01/28/00121738090441921867462/Foto/ME29C5F1_195253.jpg)
O monfortino afronta con ilusión a súa segunda etapa no Club Lemos
28 ene 2025 . Actualizado a las 20:16 h.Edu Rodríguez cumpre unha semana como adestrador do Lemos. É a súa segunda etapa no club monfortino, no que deixou pegada durante catro tempadas. Este domingo non pudo debutar, xa que o partido que ía disputar o Lemos contra o Sofán foi suspendido polo temporal. O preparador local explica as razóns que o levaron a regresar de novo e esboza a súa folla de ruta neste novo proxecto.
—Por que fichou polo Lemos a metade de tempada?
—Eu estaba no Chantada Atlético, pero co cambio de xunta directiva no Lemos veu Óscar Moure, o director deportivo, falou comigo e chegamos a un punto de encontro para o meu regreso ao Lemos.
—Como encara esta súa segunda etapa?
—Afronto esta segunda etapa con moita ilusión e con moitas ganas de facer as cousas como as hai que facer nun club como o Lemos. Temos que esforzarnos e traballar moito para que o club pouco a pouco volva ao lugar que realmente que lle responde.
—Cal é o obxectivo do Lemos?
—O obxectivo esta tempada é a permanencia. Ademais queremos darlle unha estabilidade ao club para que en anos sucesivos o Lemos poda optar a metas máis altas.
—Xa leva varios adestramentos. Como ve o plantel?
—Estou moi ledo pola predisposición dos futbolistas ao traballo, que é máxima, e polo nivel de intensidade e de actitude. Todo está sendo positivo, polo que temos que darlle continuidade para conseguir os obxectivos. De verdade que estou moi satisfeito polo que estou vendo.
—Está claro que este Lemos necesita reforzos para ser máis competitivo, e xa chegaron dous, Adrián Díaz e Adrián Armesto, que aportarán ao equipo?
—Eran dous futbolistas prioritarios para nós, e así llo transmitín á Óscar cando falamos. Armesto é un futbolista diferente dentro da plantilla. Achega moito traballo e pernas para ir ao espazo. E Adri Díaz achega moito traballo e un nivel de compromiso importante tanto defensiva como ofensivamente. E o xogador máis diferencial da categoría.
—Todo parece indicar que polo menos chegará un central, non si?
—Oxalá! O que buscamos é facer unha plantilla competitiva, e si, esa é unha demarcación que queremos reforzar.
—Esta é a súa segunda etapa como adestrador do Lemos. Que diferenzas atopa?
—Da anterior etapa xa non queda ningún directivo, e os proxectos son diferentes. Na primeira etapa apostamos por tentar cambiar a dinámica do club, e fomos capaces de conseguilo, logrando bos resultados e os obxectivos. Nesta segunda etapa hai estabilidade económica, o que fai que podamos traballar doutra maneira.
—Que Lemos se verá?
—Veremos un Lemos recoñecible. Buscaremos ser competitivos dende xa. E para iso temos que ir pouco a pouco, comezando por ordenar un equipo en fase defensiva, e logo focalizar o noso traballo no aspecto máis ofensivo. Pero si me gustaría ir introducindo matices, que creo que nos farán medrar a nivel de grupo.
—O seu presidente, Antonio López, é ambicioso, e xa afirmou que a tempada que vén este Lemos vai dar un paso adiante. Gústalle o reto?
—Gústame e vouno afrontar con moita ilusión. Todos imos remar na mesma dirección. Aquí hai unha persoa, que é Óscar Moure, moi competente para exercer a función de director deportivo. E a partir de aí, traballaremos arreo conxuntamente cuns obxectivos claros para ir medrando co fin de que o Lemos en anos sucesivos poida optar a unha categoría máis alta. A ambición é máxima neste bonito e interesante proxecto.