O relevo arqueolóxico de Salcedo que se garda no Cebreiro é a peza orixinal

A POBRA DO BROLLÓN
En contra do que se cría, o gravado non é unha copia e foi adquirido no seu día polo célebre párroco Elías Valiña
08 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O misterio que rodea unha singular peza arqueolóxica procedente de Salcedo -na Pobra do Brollón- e conservada desde hai décadas na localidade do Cebreiro parece estar máis cerca de aclararse despois das últimas investigacións realizadas polo arqueólogo lucense Xabier Moure. Aínda que se cría que este relevo é só unha copia e que o orixinal foi levado hai moitos anos fóra de Galicia, a realidade é moi diferente. Moure localizou recentemente en Salcedo a algúns veciños que presenciaron o achado da peza e que aseguran que o que se conserva no Cebreiro non é unha copia, senón o orixinal.
Xabier Moure sinala que o seu principal informante foi José Rivera, un veciño de Salcedo que ten a súa vivenda situada ao lado da casa onde apareceu o relevo. Segundo o arqueólogo, esta testemuña recorda que a peza apareceu en 1951 «nos alicerces dun antigo curral que estaban a derrubar» e que «a pedra miraba cara ao interior e estaba do revés». Durante un tempo permaneceu tirada no lugar e ao ano seguinte foi reaproveitada nun arranxo que se fixo na fachada principal da casa. O albanel que realizou a obra foi quen gravou a data de 1952 que pode verse na peza.
A escultura permaneceu en Salcedo ata que nos anos setenta foi adquirida aos donos da casa. O comprador non foi unha persoa descoñecida, senón o célebre párroco do Cebreiro Elías Valiña, revitalizador do Camiño Francés, que dirixiu xunto con Manuel Chamoso Lamas o plan de restauración integral da localidade xacobea que se levou a cabo nesa época.
Exhibida na cafetería
A peza foi exhibida na cafetería da hospedería de San Xiraldo de Aurillac, pechada na actualidade. Moure sinala que Rivera puido vela nese lugar en 1998 cando foi á romaría do Santo Milagre do Cebreiro. O arqueólogo agrega que tamén chegou a saber que se realizaron dúas copias da peza que foron enviadas a Sevilla e Barcelona. De aí veu probablemente a crenza de que o que había no Cebreiro era unha copia.
A talla foi retocada probablemente por un albanel que a descubriu nun curral en 1951
O arqueólogo Xabier Moure, que tivo ocasión de examinar a peza e consultou a outros especialistas a este respecto, opina que a talla -feito nun tipo de pedra caliza- non é un fragmento extraído dun afloramento rochoso e que por tanto non se pode considerar un petróglifo, aínda que foi denominada inicialmente desta maneira. «Estou praticamente seguro de que a pedra foi primeiro cortada, preparada e logo gravada», explica.
Os investigadores pensan tamñen que a pedra foi retocada, probablemente polo albanel que atopou no curral de Salcedo, para realzar algunhas partes que non debían apreciarse ben. Porén, todo parece indicar que as cabezas das figuras humanas non sufriron retoques.
Forma rectangular
Ademais desta intervención, Xabier Moure pensa que a peza orixinal foi deteriorada polo trato que se lle deu nalgún momento imposible de determinar. Ao seu parecer, a pedra tiña orixinalmente unha forma máis rectangular e incluso debeu perder un fragmento, xa que á figura humana situada na parte dereita do relevo fáltalle parte dunha man.
Por outro lado, os arqueólogos apuntan que a pedra non puido permanecer exposta á intemperie durante períodos moi prolongados, xa que está relativamente ben conservada e non mostra os sinais de erosión que este tipo de pedra sufriría se estivese moito tempo ao aire libre. O que non se sabe é como foi parar ao curral de Salcedo onde apareceu.
Unha obra enigmática e sumamente difícil de datar para os arqueólogos
Aínda que o relevo de Salcedo foi tomado nun principio por un petróglifo da Idade do Bronce -e como tal foi identificado nas postais coa súa imaxe que se vendían no antigo mesón do Cebreiro-, os arqueólogos que o examinaron ata agora non conseguen atribuírlle unha cronoloxía determinada. «Hai moitas posibilidades, porque uns motivos como eses poden pertencer a épocas moi diferentes e por agora non temos máis datos que permitan asignalos a un período histórico determinado», explica Xabier Moure.
En todo caso, os arqueólogos descartan que o gravado poida ser atribuído á Idade do Bronce ou a algún período anterior da prehistoria recente, como o Calcolítico ou Idade do Cobre, xa que nesas etapas as representacións de figuras humanas e animais eran moito máis simples e esquemáticas. «Unha posibilidade é que se encadre na cultura castrexa ou na época romana, porque neses períodos hai moitas representacións de cabezas humanas redondas con ollos globulados moi semellantes ás de Salcedo», sinala Moure. O investigador considera ademais que sería moi tentador interpretar estas figuras como «cabaleiros-guerreiros galaicos» e que de ser así a peza tería un carácter único.
Cruz de Santo André
Non obstante, Moure puntualiza que esta interpretación faría difícil de explicar a presenza dun deseño en forma de cruz de Santo André -un cadrado con dous trazos en forma de aspa- que pode verse xunto a unha das dúas figuras humanas do relevo. Por un lado podería tratarse dun símbolo cristián, pero este deseño -engade o arqueólogo- tamén aparece en gravados e relevos anteriores ao cristianismo. Outra figura difícil de interpretar é un círculo atravesado por varias liñas entrecruzadas que aparece sobre o peito dun dos personaxes. Segundo Moure, este deseño podería ser unha representación dun escudo do tipo coñecido por caetra que usaban os guerreiros galaicos, pero tamén unha «roda solar» -un símbolo usado en épocas moi diferentes- ou o debuxo esquemático dun crismón, é dicir, un anagrama do nome de Cristo.
Ante esta diversidade de posibles interpretacións, os especialistas sinalan que a cronoloxía do gravado pode oscilar entre a época castrexa e a Idade Media, pero en todo caso sen superar o século XI ou os inicios do XII. En opinión de André Pena Graña, outro arqueólogo que examinou o relevo, a peza pode ser de orixe castrexa ou do período comprendido entre os últimos tempos do imperio romano e o século VIII, pero tamén podería ser unha representación medieval dun duelo a cabalo.