Morre na Pobra do Brollón un dos últimos intérpretes dunha tradición musical case extinta
A POBRA DO BROLLÓN

José Veloso estaba considerado o derradeiro brindeiro que quedaba nesta zona
24 oct 2017 . Actualizado a las 22:37 h.Este domingo foi soterrado José Veloso Valcárcel, un dos últimos brindeiros que quedaban na provincia de Lugo. José Veloso morreu na Pobra do Brollón o pasado día 21, cando contaba con 88 anos. Deixa viúva e unha filla.
José e o seu irmán Álvaro, falecido ha uns poucos anos, estaban considerados os derradeiros intérpretes de brindos que quedaban na Pobra do Brollón de brindos. A mestría dos irmáns Veloso nesta modalidade de cantares improvisados que en tempos foi moi popular nas serras do Courel e Os Ancares e na súa contorna está recollida no libro Os últimos brindeiros de Forgas. Publicado no 2011 por Xosé Lois Foxo, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, o título do libro fai referencia á aldea da parroquia de Ferreiros (A Pobra do Brollón) na que os dous naceron e se criaron. O libro inclúe tamén un disco con brindos interpretados polos dous irmáns,
Nese libro, Xosé Lois Foxo sostén que os brindos teñen unha estrutura musical "absolutamente orixinal" que os diferencia doutros tipos de cantares improvisados, como as regueifas. Xa cando hai seis anos se publicou aquel libro, Foxo consideraba aos irmáns Veloso case como os derradeiros intérpretes vivos de brindos,xunto con Antonio Río Montero, coñecido como O Ribeira de Louzarela, cantor popular de Pedrafita do Cebreiro que hai uns anos colaborou nun disco de Carlos Núñez.
O funeral por José Veloso celebrouse este domingo pola tarde na igrexia de Ferreiros. Tras o oficio relixioso, o seu corpo por soterrado no cemiterio desa parroquia.