Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Olga Novo: «O meu libro trata da vida anónima dos subalternos do mundo rural»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

A escritora Olga Novo
A escritora Olga Novo KALANDRAKA

A autora recibe o Premio Nacional de Poesía pola súa obra «Feliz idade»

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Olga Novo -natural de Vilarmao, na Pobra do Brollón- acaba de recibir o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura polo seu último libro de poemas, Feliz idade (Kalandraka). Esta mesma obra foi galardoada co premio da Asociación Española de Críticos Literarios, concedido o pasado setembro. O xurado do Premio Nacional de Poesía destacouno como «un relato vitalista que celebra el amor y la existencia más allá del tiempo» e definiuno como «una criatura viva que relaciona la maternidad y la muerte con una profunda presencia crítica de la memoria histórica».

-Que impresión ten ao conseguir dous premios tan importantes en tan pouco tempo pola mesma obra?

-Nos dous casos foi unha sorpresa, porque se trata de premios aos que unha non se presenta. Estou mi contenta, porque este libro é moi especial para min. Todos o son, pero este en particular porque fala de persoas moi importantes na miña vida, algunhas das cales xa non están. Como meu pai, un labrego practicamente analfabeto que traballou e loitou toda a vida por sacar adiante a súa familia e por darnos unha educación. Cando me dixeron que gañara o Premio Nacional de Poesía, o primeiro que pensei foi na alegría que levaría meu pai ao sabelo.

-A obra está moi condicionada polas circunstancias persoais.

-É un libro moi experiencial e moi vivido. Aínda que é un libro de poesía ten tamén unha dimensión narrativa. É unha narración duns anos da miña vida que estiveron marcados pola enfermidade e a morte do meu pai e o nacemento da miña filla. O libro polo tanto está moi marcado por unhas experiencias que son centrais na vida de cada persoa e por iso creo que o seu contido é universal. A poesía ten o valor de transcender a historia persoal e pode servir de espello a outras persoas, e tamén pode ofrecer un refuxio, un refuxio na beleza. Ese poder de transcendencia que ten a poesía pode ser un poder transformador tanto para o poeta como para os lectores.

-No libro tamén ten unha presenza moi importante o mundo rural.

-É un relato na vida no rural, máis concretamente da vida en Vilarmao. A miña aldea está sempre moi presente na miña obra porque está tamén moi presente na miña vida. A este respecto, creo que non deixa de ser fermoso que o xurado dun premio nacional de literatura recoñeza a vida anónima dos subalternos do rural galego, que aparece nesta obra en primeirísimo plano. Paréceme importante que a cultura académica se lembre da xente humilde da que non fica memoria. O que quixen facer foi perpetuar a historia e a memoria desa xente da que a historia normalmente non se lembra.

-Un dos poemas relaciona a historia da súa familia e a historia da chegada do ferrocarril, que foi cantada por Curros Enríquez.

-Ese poema está dedicado ao meu bisavó paterno, que traballou carretando pedra para as obras do túnel ferroviario da Frieira [na Pobra do Brollón] ao mesmo tempo que seguía a traballar no campo en Vilarmao. Escribino ademais mentres estaba embarazada da miña filla. No poema, o túnel que o meu bisavó axudou a construír e que permite a chegada do ferrocarril —e con el a luz e o progreso, como dixo Curros no seu poema— está relacionado con outro túnel que se abría entón no meu ventre para dar paso á nova vida, á vida da miña filla.

-Cre que estes premios axudarán a que o libro se difunda traducido a outras linguas?

—Espero que si. O libro xa foi traducido e publicado en castelán hai moi pouco tempo, haberá un par de semanas. A versión castelá é de Xoán Abeleira e paréceme un auténtico luxo porque se trata dun tradutor con moita experiencia e unha longa traxectoria. E ademais Abeleira tamén é poeta, o que é moi importante para conservar e transmitir a musicalidade dos poemas noutra lingua. Tamén está sendo traducido ao inglés por Keith Payne, un irlandés que vive unha parte do ano en Vigo, e será publicado por unha editorial de Irlanda. E ademais están a traducilo parcialmente ao alemán para unha antoloxía.

-Está traballando agora nalgunha outra obra literaria?

-Agora estou ocupada en escribir unha serie de artigos ou ensaios sobre o mundo rural da Pobra do Brollón que aparecen por entregas na revista Luzes de Galiza co título común de O bosque dos cromosomas e que máis adiante serán recollidos nun libro. Estes textos non deixan de abordar desde outro punto de vista os mesmos temas que aparecen en Feliz idade.