As Cores do Outono cumprirá dez anos homenaxeando a Fuxan os Ventos e Mercedes Peón
A POBRA DO BROLLÓN
A nova edición do festival de música de raíz da Pobra do Brollón celebrararse entre os próximos días 27 e 28
08 sep 2024 . Actualizado a las 15:28 h.O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, na Pobra do Brollón, cumprirá este mes dez anos e na súa nova edición —entre os próximos días 27 e 29— celebrará o 50 aniversario da creación do grupo Fuxan os Ventos e os 20 anos da aparición do primeiro disco da cantante e instrumentista Mercedes Peón. As xornadas son organizadas polo Concello co apoio da área de Cultura da Deputación.
O programa da nova edición foi presentado polo alcalde José Luis Maceda a responsable de Cultura do organismo provincial, Iria Castro. O rexedor sinalou que a organización busca ofrecer «espectáculos para todos os públicos en diversos espazos» e apuntou que unha das actividades previstas para este ano terá lugar na parroquia de Canedo. Pola súa parte, Iria Castro afirmou que o festival «forma parte dunha estrutura provincial que resignifica a música e a cultura galegas xunto con encontros como a Foliada da Fonsagrada, Pardiñas [en Guitiriz] ou a Noite Meiga de Sarria».
Os organizadores explican así mesmo que nesta décima edición preténdese «homenaxear a historia recente da música galega»: o seu rexurdir no posfranquismo —representado por Fuxan os Ventos—, a procura de novas sonoridades a principios deste século —representada por Mercedes Peón—, a recollida e instrumentación —representada polo músico e bailarín Xisco Feijoo— e o momento actual, representado polo grupo Maricarme.
A continuación detállanse as actividades programadas para estas xornadas:
Venres 27. A partir das 11.00 haberá na parroquia de Canedo unha «alborada-vermú» con Xisco Feijoo. Os organizadores animan aos asistentes a que leven os seus instrumentos. O mesmo artista ofrecerá un obradoiro de baile tradicional na praza da Condesa da capital municipio. Comezará ás 18.00 horas. Para participar hai que inscribirse previamente no teléfono 650 624 828. Ás 20.00 horas ofrecerase na Casa de Cultura unha proxección fotográfica e unha charla sobre a historia de Fuxan os Ventos na que participarán varios antigos membros deste grupo.
Sábado 28. Ás 21.00 horas comezará un concerto do grupo Maricarme, formado por Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. Seguidamente ofrecerase o espectáculo «Ingrávida», co que Mercedes Peón conmemora os 20 anos da aparición do seu primeiro disco, Isué. A artista estará acompañada por As Xirifeiras, Caamaño & Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.