Un centro cultural lembrará en Bóveda ao «médico dos pobres»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

A casa onde se instalará o centro cultural foi construída no século XIX e pertenceu a unha familia de farmacéuticos
A casa onde se instalará o centro cultural foi construída no século XIX e pertenceu a unha familia de farmacéuticos CEDIDA

Estará situado na casa onde Manuel Díaz González se refuxiou antes de ser asasinado

22 feb 2023 . Actualizado a las 19:40 h.

Unha antiga casa da localidade de Xullán —na parroquia de Tuimil, en Bóveda— albergará un espazo cultural relacionado coa figura de Manuel Díaz González, coñecido como «o médico dos pobres», que foi o último alcalde republicano do Incio. O centro levará o nome de Casa da Memoria e está sendo creado por unha asociación que en principio ía chamarse da mesma maneira. O proxecto, que conta co apoio do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel, foi presentado inicialmente con esta denominación. «O que pasa é que non lle podemos dar este nome porque en Andalucía xa hai outra que se chama así, e a súa denominación será probablemente A Memoria é Náufraga, se non hai impedimentos», di Julio Costa, tesoureiro da entidade, que está presidida por Patricia Castro.

A casa que acollerá este centro —que foi adquirida pola asociación— data de mediados do século XIX e pertenceu durante varias xeracións a unha familia de farmacéuticos. Segundo explica Costa, esta vivenda foi o último lugar onde se refuxiou Manuel Díaz cando estalou a Guerra Civil e alí foi capturado en setembro de 1936 por unha cuadrilla de falanxistas que o asasinaron pouco despois na estrada de Laiosa á Cruz do Incio.

O centro non só se dedicará unicamente a preservar e divulgar a memoria deste personaxe. «Pretendemos dar a coñecer tamén outros aspectos do pasado histórico do territorio comprendido entre Monforte e Sarria, moitos dos cales están por descubrir», sinala Julio Costa. Neste aspecto, a asociación colaborará co grupo de investigación Histagra —Historia Agraria e Política do Mundo Rural—, vinculado ao departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago. A secretaria da entidade promotora do proxecto, Lorena López, é doutora en historia.

Outra función deste espazo cultural consistirá en albergar obradoiros e actividades sobre o tratamento das doenzas mentais a través da arte, particularmente da música. A asociación cooperará neste terreo co proxecto Sensogenomics, vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria do Hospital Clínico de Santiago e á Facultade de Medicina desta universidade.

Residencia de artistas

Os promotores do proxecto pretenden que a Casa da Memoria de Xullán sirva ademais como residencia temporal de artistas interesados en desenvolver actividades creativas nun entorno natural e en contacto coa poboación rural. «Un centro deste tipo é algo máis habitual das cidades ou das poboacións de maior tamaño, e se escollemos unha aldea para instalalo é precisamente porque queremos contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do medio rural», apunta Costa.

Un busto de Manuel Díaz González (réplica do que foi inaugurado no Incio no 2011) nunha estancia da casa
Un busto de Manuel Díaz González (réplica do que foi inaugurado no Incio no 2011) nunha estancia da casa

O «Pequeniño do Incio», unha vítima da represión política que tamén foi alcalde

Manuel Díaz González, nado na parroquia de Sirgueiros en 1886, foi coñecido como «o médico dos pobres» porque atendía gratuitamente aos pacientes de poucos recursos. Foi coñecido tamén como «o Pequeniño do Incio» pola súa curta estatura, xa que ao parecer sufriu un problema de crecemento debido a unha meninxite infantil.

Díaz colaborou nunha investigación sobre a incidencia do bocio en España que dirixiu o coñecido médico e escritor Gregorio Marañón. Á marxe do seu labor profesional como médico, foi nomeado alcalde do Incio en 1927, durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera. Máis tarde afiliouse á Organización Republicana Gallega Autónoma e a Izquierda Republicana.

A familia de Manuel Díaz e a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica intentaron localizar a súa tumba, pero non foi posible. Despois do seu asasinato foi enterrado sen lápida nunha parte do cemiterio municipal do Incio que moitos anos despois foi alterada polas obras de ampliación dunha estrada. En novembro do 2011 dedicóuselle unha homenaxe pública. Un busto de Díaz —realizado por José Gabriel Vázquez, sobriño e afillado seu— foi inaugurado entón na capital municipal. Unha réplica deste busto está instalada na Casa da Memoria.