José Manuel Vázquez, músico de Betanzos: «En realidade, a min enganáronme de pequeno con isto do bombardino»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

CARBALLEDO

José Manuel Vázquez vive en Suíza, onde está facendo un máster de interpretación musical
José Manuel Vázquez vive en Suíza, onde está facendo un máster de interpretación musical CEDIDA

José Manuel Vázquez naceu na Barrela hai 22 anos, toca este instrumento de vento e acaba de gañar en París un concurso para novos talentos musicais

07 feb 2022 . Actualizado a las 13:06 h.

José Manuel Vázquez é intérprete de bombardino acaba de gañar o primeiro premio do concurso que organizan en París desde hai oito anos Stéphane e Valérie Balzeau, coñecidos na capital francesa como cazadores de novos talentos musicais. José Manuel Vázquez ten 22 anos, naceu en Carballedo, criouse en Betanzos e formouse nos conservatorios da Coruña e de Palma de Mallorca. Desde setembro vive en na cidade suíza de Lucerna, onde estuda un máster de interpretación co compositor e intérprete Thomas Rüedi.

—Contaba con gañar este premio?

—Non. Traballei e prepareino moito, pero nunca se sabe se vas gañar ou non. Nun concurso como este hai moito nivel, participa xente de moitos países e nunca sabes o nivel que vas atopar ou se ao xurado lle vai convencer a túa proposta.

—E como se viu no concurso, estaba tranquilo?

—Un sempre se pon nervioso cando ten un xurado diante, ou polo menos é o que me pasa a min. Sabes que non están só a divertirse cun concerto, senón que analizan o que ti fas, e iso engádelle algo de tensión extra. En todo caso, eu sempre intento que para min sexa como un concerto.

—Desde cando sabe que quere ser músico?

—O que lembro é que sempre me gustou, sempre me gustou moito tocar. Desde moi cedo teño ganas de estudar música, o que non sabía era se música e algo máis. Con tempo deime conta de que se quería facer isto ao máximo nivel tíñame que dedicar en exclusiva á música. Doutra maneira sería imposible estar en concursos como este de París. Todos os participantes dedicámonos profesionalmente a estudar este instrumento.

—E por que se decidiu polo bombardino? Non é dos instrumentos máis coñecidos nin máis populares.

—Cando era pequeno facíame ilusión tocar a trompeta, pero un profesor da escola de música de Betanzos tamén era o director da banda de música local e precisaban un bombardino, así que me enganou. Díxome que tiña os labios perfectos para tocar o bombardino. Era unha absoluta mentira, pero deume o ese instrumento e con el seguín. É dicir, que a min me enganaron de pequeno con isto do bombardino.

—Era mentira o dos labios?

—Era. Os labios non inflúen demasiado.

—Non lle gardará rancor a ese profesor?

—Para nada.

—O bombardino parécese á tuba e os dous teñen aspecto de instrumentos complicados, pero acabo de ler que en realidade é relativamente fácil aprender a tocalos. É así?

—Son da mesma familia, pero non é frecuente ver músicos que toquen o bombardino e a tuba. É máis habitual dedicarse ao bombardino e o trombón, porque as embocaduras dos dous son moi semellantes. A da tuba é moito máis grande.

—E o bombardino é máis doado de aprender a tocar que outros?

—Tanto ten cal sexa o instrumento, que se queres chegar a un nivel, se o queres tocar ben, vas ter que investir moitas horas nel. Si me parece que o bombardino é un pouco máis sinxelo que, por exemplo, a tuba, pero tamén penso que é un dos máis agradecidos entre os instrumentos de vento-metal.

—Por que?

—O bombardino é máis áxil que a tuba, que ademais resulta difícil de controlar polo seu rexistro tan grave. Non ten a complicación que supón a vara do trombón, que complica tocala con soltura. E non lle pasa como á trompa, que se fai difícil pola súa boquilla tan pequena e a súa gran lonxitude de tubaxe. O bombardino é un pouco máis sinxelo de dominar.

«Canta máis experiencia teña un tocando mellor profesor pode ser»

José Manuel Vázquez xa pasou por tres cidades distintas para estudar música, e di que non lle preocupa tanto onde se establecerá finalmente como a que se dedicará profesionalmente.

—Ten algún referente profesional dentro do mundo da música, algún músico que lle sirva de modelo?

—Hai moitos músicos que admiro, non só no meu instrumento, que tamén. Por exemplo, Thomas Rüedi, que é quen me está dando o máster, ou músicos de jazz como J.J. Johnson ou Miles Davis.

—E non escoita só música clásica.

—Encántame a clásica, pero son un amante do jazz e tamén da música moderna, entendida como a que baseándose na linguaxe do jazz avanzou un pouco, como o funk ou o latin jazz. E en Palma estiven tocando nun pequeno grupo de ska.

—En que momento da súa carreira está? Quédalle moito por estudar?

—Non o sei. Quédame ano en medio en Suíza, pero despois depende do futuro laboral que me agarde, que aínda o descoñezo, Encantaríame dedicarme a facer música e dar concertos, pero non é doado. Tampouco descarto a docencia.

—Como lle gustaría estar dentro de dez anos, só tocando ou dando clase?

—Igual facendo as dúas cousas.

Canta máis experiencia teña un tocando, mellor pode ensinar. Encantaríame ter unha carreira como intérprete e aprender tocando para despois ser mellor profesor.

—Hoxe está en Suíza. É un sitio no que lle gustaría asentarse? Tamén coñece ben Mallorca.

—A verdade é que me preocupa máis a que me vou dedicar que onde vou vivir. Aquí estou moi tranquilo, moi cómodo, pero en Mallorca tamén estiven ben, igual que en Galicia.