Presenza discreta da Ribeira Sacra no catálogo dixital do patrimonio

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

A web que recopila os bens culturais galegos recolle 14 puntos da zona

19 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Catorce monumentos da Ribeira Sacra lucense figuran por agora na web Patrimoniogalego.net, o catálogo máis extenso do patrimonio cultural galego que pode consultarse en Internet. Tendo en conta a grande cantidade de lugares de interese histórico e cultural existentes no sur da provincia, este número pode parecer bastante reducido, pero que esa cifra se incremente depende só da colaboración de posibles voluntarios dispostos a elaborar e publicar novas fichas descritivas. Todos os elementos que aparecen neste catálogo dixital foron incluídos por persoas ou colectivos que colaboran de forma desinteresada nesta iniciativa.

Os municipios lucenses da Ribeira Sacra representados ata o momento neste catálogo social -como o denominan os seus responsables- son os de Chantada, Monforte, Portomarín, O Saviñao e Sober. Curiosamente, o que ten unha presenza máis limitada é o de Monforte, onde só aparece consignada a fortaleza de San Vicente do Pino. Sober, polo contrario, é o que conta cunha representación máis numerosa, aínda que os elementos patrimonais catalogados neste municipio son dun carácter máis modesto: os petróglifos de Tapada do Monte, a ara romana de Liñarán, un trisquel castrexo labrado nunha pedra que pode verse nunha vivenda da na localidade de Pacios e o marco de Pena Longa, que se conserva hoxe no Museo Provincial.

Polo que respecta ao municipio de Chantada, no inventario figuran as igrexas de San Salvador de Asma, Pesqueiras e Nogueira de Miño. O Saviñao está representado por outras tres igrexas, as de Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi e A Cova. En Portomarín foron inventariados a igrexa da San Nicolás, a capela das Neves e o castro de Castromaior.

Ausencias notorias

Xunto coa escasa representación de Monforte, o municipio máis importante da Ribeira Sacra, na lista chaman a atención algunhas notorias ausencias, como a de Pantón, posuidor dun patrimonio románico que destaca especialmente no conxunto monumental da Ribeira Sacra. A comarca de Quiroga tampouco ten polo momento a menor representación nesta web.