O alcalde de Chantada disponse a entrar no Senado mentres prepara a súa nova candidatura
29 abr 2019 . Actualizado a las 19:40 h.Manuel Varela, rexedor e de novo aspirante á alcaldía de Chantada -agora polo Partido Popular- acaba de estrearse como senador por esta mesma formación, da que saíra no seu momento para organizar unha candidatura municipal independente.
-¿Como valora o feito de entrar no Senado nun momento singular como este?
-Debería estar feliz e contento por acadar este resultado pero, sinceramente, non esperaba que nestas elección chegase a suceder o que sucedeu co PP. E por outro lado, a maioría absoluta do PSOE no Senado vai dificultar evidentemente o labor da oposición. Nestas condicións, é unha vitoria un tanto agridoce.
-¿Que cre que poderán facer os senadores populares lucenses e do resto de Galicia nesta nova lexislatura?
-Teño pouca ou ningunha experiencia neste terreo, pero supoño que nunha cámara territorial como esta haberá que presentar todas as iniciativas que se poida en favor dos municipios e das comarcas ás que representamos, aínda que a marxe de manobra que poidamos ter nesta situación non sexa moi ampla.
-¿Poden influír estes resultados nas eleccións municipais?
-Non son cousas extrapolables, pero de todas maneiras temos que facer unha reflexión seria porque o PSOE quedou en Chantada moi cerca do PP. Non obstante, de cara ás municipais, penso que non será difícil recuperar os votos que perdeu o PP en favor doutras formacións, que foron sobre 690. Se esta xente quere realmente que en Chantada goberne o centrodereita, o máis lóxico é que voten ao PP nas municipais. Se conseguimos recuperar eses votos, creo que non nos resultará complicado acadar unha maioría absoluta no Concello. Agora o que temos que facer é traballar todo o posible para ir nesa dirección.
-¿Pensa que a súa condición de senador pode afectar ao seu papel na corporación de Chantada?
-Xa me preguntaron varias persoas se isto significa que vou vivir a Madrid e teño que responder que non. Se me presento ás municipais en Chantada, terei que estar aquí. Polo que me comentan, as sesións do Senado celébranse un dous días por semana e non todas as semanas, así que non haberá maior problema para compaxinar estas actividades coa colaboración dos meus compañeiros de corporación.
-¿Que lección cre que se debería sacar dos resultados destas eleccións xerais?
-Penso que temos que reflexionar en silencio sobre o que sucedeu e sacar unhas conclusións, porque os resultados foron moi negativos tanto en Chantada como no resto de Galicia e no conxunto de España. Antes no mapa aparecían praticamente todas as provincias pintadas de azul, excepto Cataluña e o País Vasco. Agora sucede todo o contrario e en na maioría das provincias domina a cor vermella, excepto nesas mesmas comunidades. Tal como falaba a xente, xa se vía que isto non pintaba ben, pero eu non esperaba que a cousa chegase a tanto. É algo no que temos que pensar moi seriamente.