O C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo colle aire co seu triunfo en Chantada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CHANTADA

MONICA IRAGO

Chega así aos 12 puntos nunha clasificación xeral na que figura antepenúltimo a 9,5 puntos do líder, o Xadrez Verín A.

05 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

E tres roldas despois, o primeiro equipo do Club Xadrez Fontecarmoa, o C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo, puxo fin á negra xeira que non só deixou o conxunto que coordina Julio Torrado fóra da loita polo título da División de Honra, senón tamén metido de cheo na pelexa pola supervivencia na máxima categoría do xadrez galego. O pasado sábado, o equipo vilagarcián derrotaba a domicilio 2,5-3,5 o Círculo Chantadino X. Dragan Paunovic, chegando así aos 12 puntos nunha clasificación xeral na que figura antepenúltimo a 9,5 puntos do líder, o Xadrez Verín A.

A vitoria do C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo contou co valor engadido para o colectivo arousán de asentarse sobre o punto colleitado polo canteirán Pablo Lobato na súa estrea no cadro de División de Honra. Os triunfos de Lucas Abal e de Manuel Conde, máis as táboas de Roi Reinaldo co búlgaro Vladimir Petkov consolidaron a vantaxe inicial proporcionada por Lobato, con Julio Torrado e con Julio Suárez confirmando a súa pésima tempada, cunha única partida gañada e un reparto de medio punto nos nove enfrontamentos que suman entre ambos os dous no que vai de Liga.

Na Primeira División, dos catro equipos arousáns, só o C.X.F. Baños Print foi quen de completar con éxito a súa misión semanal, impoñéndose 0-4 ao pechacancelas, o E.X.P. Non á violencia de xénero. No seu mesmo grupo, o B, o C.X.F. La Marina caeu 3-1 no local de xogo do Club Karpov, cuarto clasificado, mentres que o Dorna Vengarco da Illa cedía un 3,5-0,5 ante un Milladoiro terceiro na táboa. O C.X.F. La Marina é sétimo -de doce equipos- con 10,5 puntos, polos 8,5 do Dorna Vengarco e do C.X.F. Baños Print, noveno e décimo, respectivamente.

Tamén na Primeira División, pero no Grupo C, o C.X.F. Espazo Xove perdeu 2,5-1,5 co R. Juansito Xadrez Marín, sétimo, caendo á quinta praza con 13 puntos.