«O clube está levando a marca Chantada por toda España»

CHANTADA

ALBERTO LÓPEZ

O adestrador afronta a súa quinta fase de ascenso, a cuarta consecutiva, co equipo chantadino

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou a conta atrás para a fase de ascenso a LEB Prata. Alberto Fafián xa suma a súa quinta co CB Chantada. O técnico considera que en Salou o equipo pode facer historia, aínda que é consciente das dificultades que entraña ese obxectivo, xa que os rivais serán de nivel. A súa presenza no banco é unha garantía.

-¿Que supón disputar a quinta fase de ascenso a LEB Prata?

-É un premio ao traballo non só do equipo na pista, senón tamén da directiva, que activou importantes recursos para estar aquí. Despois do Obradoiro e dos equipos da LEB Ouro somos o quinto conxunto de Galicia. Estamos levando a marca Chantada por toda España.

-¿En que intre chega o equipo a esta cita de Salou?

-Nun bo intre, porque recuperamos a todos os lesionados, algo que non pasara en toda a tempada. Esta circunstancia fai que suban as nosas opcións de facer algo importante en Salou. E no apartado anímico estamos moi ben, una vez que superamos ese baixón que tivemos. Chegamos nun intre de moita madurez como equipo.

-¿É a fase onde terán máis posibilidades que nunca de ascender a LEB Prata?

-As posibilidades nunha fase destas características non son avaliables, porque o nivel dos equipos é alto. O ascenso decidirase en acertos puntuais e en pequenas cousas. Hai un dato que quero compartir, e é que nós dos dez partidos que disputamos nas fases de ascenso só gañamos un. O resto de encontros perdémolos por diferenzas mínimas e na prórroga. Todo é moi complicado. Iso si, a Salou levamos talento, moita ilusión e todo un pobo de Chantada, detrás.

-Pero non negará que por equipo e pola temporada que certificaron, poderán facer algo importante.

-[Sorrí]. A idea é aproveitar a sinerxía e tratar de traballar coa base. O acordo con Ensino ía nesa dirección, pero a pandemia condicionou todo, polo que non puidemos avanzar. Tamén están aí a escolas deportivas de Chantada, e o que pretendemos e dinamizar a canteira. Non queremos ser un equipo ascensor que estea unha ou dúas tempadas na LEB Prata e que poida chegar a desaparecer como pasou con equipos galegos, que agora están en categorías autonómicas. Temos que congratularnos de cumprir dúas décadas na EBA, algo que ten moito mérito. Temos que ir nesa dirección, e non pensar en ascender a calquera prezo. No seu momento, cando se reestruturou a categoría, recibimos a invitación de xogar na LEB Prata. En Salou imos por todas.

-¿Séntese profeta na súa terra?

-Non pensei niso. Estou ledo do meu traballo. Trato de ser o máis honesto posible. Ás veces o deporte dá resultados e outras veces non. Levamos cinco anos en que as cousas saen ben. Estamos vivindo unha experiencia bonita. Estou e dirixo ao equipo da miña vila, é iso é un orgullo, igual que levar o nome de Chantada por toda España como comentei antes.

-¿Por que Fafián non está nunha ACB ou nunha LEB Ouro?

-Aquí podemos falar da falta dunha toma de decisións. Nunca quixen dar ese paso, porque hai que ter en conta que o básquet economicamente está infravalorado. No ámbito deportivo é un risco, porque non sabes se vas cobrar ou cando che pagarán. Prefiro sacrificar o meu ego deportivo en aras á estabilidade económica de manter a miña familia.

-¿Como afecta o feito de que ata esta noite non poida coñecer cales serán todos os rivais cos que se enfrontará en Salou?

-O scounting é importante, pero tampouco nos temos que centrar en prestar atención ao que fan o resto de equipos. Sería desacertado desviar a atención. O que temos que pensar é en nós e facer o que nos trouxo ata aquí.

-O feito de ter que estar cinco días pechados no hotel saíndo só para competir, ¿de que maneira inflúe?

-Estar nunha burbulla é a nova realidade que nos tocou vivir.

-¿Cantos adestramentos lle quedan en Chantada antes de emprender viaxe a Salou?

-Un. Imos adestrar este luns, porque viaxaremos na madrugada do martes ao mércores.