«O meu libro 'A Ulfe' ten agora máis actualidade que hai dezasete anos»

CHANTADA

Julia Varela ?á esquerda? durante unha conferencia que impartiu no Liceo de Ourense, nunha imaxe de arquivo. A socióloga presentará este venres en Chantada a tradución do seu libro
Julia Varela ?á esquerda? durante unha conferencia que impartiu no Liceo de Ourense, nunha imaxe de arquivo. A socióloga presentará este venres en Chantada a tradución do seu libro MIGUEL VILLAR

A socióloga Julia Varela publica en castelán a obra que dedicou no 2004 á  súa aldea natal de Chantada

01 sep 2021 . Actualizado a las 10:29 h.

A socióloga e catedrática universitaria Julia Varela Fernández publicou no 2004 o libro A Ulfe. Socioloxía dunha comunidade rural galega, que reflectía as transformacións experimentadas no mundo rural galego do XX tomando como exemplo o caso da aldea natal da autora, que por entón xa estaba deshabitada. A obra recibiu no seu día o premio Vicente Risco de ciencias sociais. A pesar da ampla repercusión que tivo este traballo, ata agora non fora editado en castelán. A tradución desta obra ao español, publicada o pasado maio, será presentada este venres —ás 20.30 horas— no Casino de Chantada, nun acto organizado pola Irmandade Cultural País do Faro. Na presentación participará o historiador e antigo reitor universitario Ramón Villares, que redactou un prólogo para esta edición.

—Por que non se publicou antes unha versión en castelán deste libro?

—Por un lado, porque a editorial que publicou a edición orixinal en galego tiña os dereitos de tradución a outras linguas e esa empresa pasou por bastante problemas. Por outra parte, durante moito tempo tampouco pensei moito en facer unha tradución. Convencéronme o meu compañeiro Fernando Álvarez-Uría e outras persoas, que me insistiron en que o libro pode ser un testemuño útil para moita xente e que estaría ben darlle unha maior difusión.

—Na tradución introduciu algún cambio con respecto á edición orixinal?

—Aparte do prólogo de Ramón Villares, que non estaba na primeira edición en galego, fixen algúns cambios na introdución e na conclusión do libro, sobre todo para axudar a contextualizar a obra, porque a primeira edición apareceu hai dezasete anos e desde entón pasaron moitas cousas. Os cambios afectan sobre todo ás miñas conclusións sobre a sociedade rural, nas que maticei un pouco certos aspectos. O que non cambiou nada son as partes nas que falan os antigos veciños da aldea da Ulfe cos que falei extensamente para preparar a obra, algúns dos cales xa faleceron desde entón. Esta nova edición é tamén unha homenaxe a esas persoas.

—Cre que o libro segue mantendo vixencia?

—O que me parece é que ten aínda máis actualidade que na época en que se publicou por primeira vez, por desgraza, porque os problemas do mundo rural dos que falo nesta obra seguen tan presentes como entón. O libro fala dunha aldea que quedou sen veciños e o proceso de despoboamento das comunidades rurais non se detivo durante estes anos, senón que se acentuou, e en Galicia cada vez hai máis aldeas abandonadas. Claro que estes problemas non son exclusivos de Galicia e moitas persoas que xa leron a tradución do libro ao castelán dixéronme que esas situacións tamén se dan noutros lugares, como Asturias, Castela, o País Vasco...

«A burocracia é un dos grandes obstáculos para emprender no medio rural»

Julia Varela considera que a sociedade rural galega está en perigo de extinción e que con ela desaparecerá toda unha cultura tradicional e moitos coñecementos que seguen sendo útiles.

—Como ve agora o futuro do mundo rural galego?

—Creo que se non se fai nada para remedialo, acabará por desaparecer coa xente da miña xeración, coas últimas persoas que se criaron nesa sociedade. Pero en xeral non vexo que haxa vontade de cambiar as cousas por parte das administracións e das entidades que poderían facer algo neste terreo.

—Como cre que se podería mellorar esta situación?

—Habería que poñer os medios para que a xente nova poida vivir no rural. Un dos grandes obstáculos é a burocracia, porque as xente que intenta facer algo no medio rural, montar unha empresa ou calquera outra cousa, ten que pasar por moitísimos trámites que non animan nada a emprender, senón todo o contrario. Hai moitas outras cousas que se poden facer e máis agora, coa axuda das novas tecnoloxías. Pódense simplificar ao máximo os trámites administrativos, pódese facilitar moito máis a creación de novas empresas e cooperativas... Non é algo tan difícil, hai países onde se fai.

—Non notou cambios positivos desde que publicou «A Ulfe»?

—Por suposto que tamén houbo feitos positivos e interesantes nestes últimos anos, non é todo tan negativo. Hai cousas que me alegran, como por exemplo a creación en Chantada da empresa que fabrica as galletas Mariñeiras, un gran éxito xurdido do noso medio rural. Pero non me parece que haxa un ánimo de axudar seriamente ao rural e de frear a súa decadencia.