O Castañazo volve, esta vez sen apelidos e despois de catro anos de parón

CHANTADA

Público no festival Castañazo nunha das últimas edicións previas ao parón da pandemia
Público no festival Castañazo nunha das últimas edicións previas ao parón da pandemia ROI FERNÁNDEZ

Os organizadores agardan 6.000 persoas esta fin de semana en Chantada

26 oct 2023 . Actualizado a las 11:18 h.

 Chantada recupera esta fin de semana o Castañazo, o festival de música no que hai case trinta anos nacía o rock bravú. Levaba catro anos conxelado nun parón que comezou coa pandemia, pero que se prolongou un pouco máis da conta. E volve con organización renovada e cun lixeiro cambio de nome. Na edición deste 2023 xa non é Castañazo Rock, senón Castañazo a secas. Que ninguén agarde cambios radicais de estilo, porque non os hai. Os organizadores din que se trata simplemente de «non se encasillar».

Este Castañazo 2023 vén con dúas noites de concertos, o venres 27 e o sábado 28 de outubro.

O venres as portas abrirán ás sete e media da tarde e o primeiro concerto comezará ás oito. Será o de Fillas de Casandra e despois delas virán, por este orde, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore.

En canto ao sábado, os primeiros en subir ao escenario do mercado gandeiro de Chantada serán Dakidarría, seguidos de Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. Este festival ten só un escenario, así que o tempo entre concertos encherao con música a palestino-galega Saya.

CONCELLO DE CHANTADA

Os organizadores fixeron unha presentación local a semana pasada en Chantada, na que participou o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez. E outra este mércores en Lugo, coa responsable da área Cultura da Deputación, Iria Castro. O Concello achega unha axuda directa de 15.000 para a organización do festival, ademais da cesión de espazos públicos; e a Deputación colabora con outros 12.000.

Os organizadores agardan que sexan ao redor de 6.000 personas as que se acheguen a Chantada esta fin de semana para presenciar as dúas noites de concertos. Estes días, anunciaban nas súas redes sociais que xa tiñan vendidas o 80% das entradas.

Non só dúas noites de concertos

Pero o Castañazo non é so as dúas noites de concertos. Na súa terceira volta (a segunda foi no 2007, despois de varios anos de parón) mantén a programación paralela habitual dos anos previos á pandemia.

O cartel musical complétase cunha programación aberta e de balde.

Está integrada por propostas como a do Ourizo Rock, un festival pensado para o público infantil que terá lugar o sábado a partir das once da mañá no auditorio municipal. E tamén volven os Cantos de Taberna, que serán o sábado entre as dúas e media e as seis e media da tarde.