Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha orquestra, unha charanga e un dj: Chantada xa ten listo o programa da Festa da Xuventude 2025

Carlos Cortés
Carlos Cortés CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

A orquestra New York tocará na segunda Festa da Xuventude de Chantada
A orquestra New York tocará na segunda Festa da Xuventude de Chantada Martina Miser

Esta vez será o 16 de de maio e non en abril, como o ano pasado

18 mar 2025 . Actualizado a las 18:58 h.

A Festa da Xuventude de Chantada celebrará a súa segunda edición no mes de maio, nun momento do ano un pouco máis avanzado que a primeira. E xa está listo o programa, que incluirá a actuación dunha orquestra, unha charanga e un dj.

A festa será esta vez o 16 de maio e manterá o esquema da primeira edición, a organizada no 2024, con actuacións gratuítas sucesivas en tres puntos da vila entre a tardiña e ben entrada a madrugada.

A primeira destas tres actuación será ás 19:30 horas a da charanga Sorcha Showband que irá tocando polas rúas da localidade. Rematarán ás 22:30 horas, que é cando comezará na praza de Santa Ana unha verbena coa orquestra New York. A verbena durará ata as 3:00 da madrugada e esa será a hora de inicio dunha sesión con Gramola DJ na zona da Lama das Quendas.

Os portavoces do Concello explican que despois da primeira edición, que se celebrara o 19 de abril do ano pasado, esta vez decidiron mover a data a mediados de maio para facilitar a asistencia aos estudantes dos institutos.

«Consideramos —explica a concelleira de Xuventude, Belén Caseiro— que é unha época axeitada porque acaban os de segundo de bacharelato o día antes, para que o celebren. Os días son máis longos, as temperaturas tamén serán mellores para gozar de actividades de exterior».

Haberá autobuses gratuítos

No Concello de Chantada indican que a a Festa da Xuventude é unha proposta de lecer pensada para mozos de entre 16 e 25 anos, pero que eles buscan a participación de todas as idades. E para facilitar tamén a participación de xente nova da contorna de Chantada haberá servizo de Noitebús.

O percorrido deses autobuses está aínda sen definir e vaise determinar segundo a demanda que haxa. As persoas dos concellos limítrofes interesadas en participar teñen que comunicalo nos teléfonos 608 185 438 ou 982 379 106, ou no correo electrónico belen.concello@hotmail.com.