O Festival dos Eidos volve ao Courel despois dun ano de ausencia

FOLGOSO DO COUREL

Participantes nun percorrido organizado en Parada na edición do Festival dos Eidos do 2015
Participantes nun percorrido organizado en Parada na edición do Festival dos Eidos do 2015 ROI FERNÁNDEZ

Entre o venres e o domingo haberá na localidade de Parada recitais de poesía, actuacións musicais e espectáculos de danza e audiovisuais

23 ago 2021 . Actualizado a las 12:08 h.

A localidade de Parada, no municipio de Folgoso do Courel, acollerá entre os días 27 e 29 a sexta edición do Festival dos Eidos, que o ano pasado tivo que ser suspendido a causa da crise sanitaria. A Fundación Uxío Novoneyra, que organiza estas xornadas culturais, sinala que a nova edición aplicará os protocolos legais de seguridade e prevención contra o coronavirus e adaptará as actividades e aforos a este contexto co obxectivo de crear «un espazo seguro para gozar da cultura».

As actividades previstas para estas xornadas desenvolveranse en diferentes dependencias da casa museo do poeta Uxío Novoneyra e en espazos próximos. Para asistir ao festival é preciso adquirir un abono no portal Ataquilla.com. A continuación detállanse as actividades que se ofrecerán durante estas xornadas.

Venres 27. Ás 16.00 horas poderá verse na antiga escola de Parada o espectáculo audiovisual «Visións inéditas», formado por catro pezas realizadas por Lois Patiño, Xisela Franco, Alfonso Zarauza e Jaione Camborda. Ás 17.30 horas, a compañía Kirenia Danza representará o espectáculo E_migrantas na aira de Parada. Ás 18.30 celebrarase un recital de homenaxe ao poeta Carlos Oroza no que participarán Branca Novoneyra, Javier Romero e Yolanda Castaño. A partir das 20.00 horas haberá actuacións dos músicos Davide Salvado, Califato DJ Set e DJ Tristón.

Sábado 28. Ás 12.00, a escritora Belén Gopegui ofrecerá unha charla baixo o título de «Nuestras voces, nuestras ficciones» no souto da Rubial. Ás 14.00 e ás 15.00 horas haberá actuacións dos músicos Eladio & Uka e Román Gutiérrez, respectivamente, na horta da casa museo. Ás 18.30 habrá un recital poético con Adrià Targa, Chus Pato, Constantino Bértolo e Sonia Marpez. A partir das 20.00 horas ofreceranse actuacións musicais dos artistas Xico de Cariño, Babykatze, Xavi B e Sergio Canay.

Domingo 29. Ás 10.00 e ás 11.00 haberá percorridos de observacións de aves guiados polo biólogo Xavier Vázquez Pumariño no souto da Rubial. Ás 12.00 horas ofrecerase o espectáculo de danza Tres tristes 2.0 na aira de Parada. O festival pecharase con dous concertos a cargo dos músicos Su Garrido Pombo e Xavi B que se ofrecerán a partir das 14.00 horas.