Dous xoves cineastas preparan un filme de ficción documental protagonizado por veciños do Courel
FOLGOSO DO COUREL
Paula Fuentes e Guillermo Carrera codirixen «Corre o vento», no que participa tamén a actriz profesional Nuria Lestegás
27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Paula Fuentes e Guillermo Carrera, dous estudantes da Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña, están realizando actualmente unha curtametraxe que se titulará Corre o vento e que está protagonizado por varios veciños do municipio de Folgoso do Courel. O filme encádrase no xénero coñecido como docuficción ou ficción documental, que emprega técnicas de ficción para traballar materiais de orixe documental. A curtametraxe é o traballo de fin de carreira dos seus autores e deberá estar terminada para o próximo stembro.
Segundo explican os realizadores, no filme participan catro veciños das localidades de Folgoso, Ferreirós de Abaixo e Vilar. «Pero na película aparecerán como se todos fosen veciños dunha mesma aldea, que chamamos Vilar», sinala. Ademais destas persoas, na filme aparecerá tamén unha actriz profesional, Nuria Lestegás, que interactuará cos actores non profesionais.
Gravacións previas
Para a elaboración do guión, os realizadores utilizan os recordos persoais dos veciños que participan no filme. «Fixemos gravacións dos seus testemuños que serven para enriquecer o guión», sinalan. Os autores apuntan por outro lado que o tema principal de Corre o vento é «a resistencia a abandonar os recordos fronte á súa desaparición» e que o filme pretende dar unha visión «non catastrófica» do mundo rural e transmitir «un sentimento de avance e de loita por reconstruir a nosa identidade».
O título do filme —engaden os realizadores— está tomado dun coñecido poema de Rosalía de Castro «que fala da soedade, do abandono e da emigración, pero o verso fala tamén do movemento e transmite a sensación que pretende dar a película, de que hai que seguir avanzando a pesar de todo». Na curtametraxe utilízanse tamén referencias á obra poética de Uxío Novoneyra.
Os autores de Corre o vento sinalan por outro lado que as súas diferentes orixes condicionan en certo modo a realización da obra. Paula Fuentes é natural do municipio, onde rodou anteriormente as curtametraxes A muller morta e Un minuto de silencio, mentres que Guillermo Carrera é de Ponteareas. «A min resúltame máis difícil dirixir aos actores non profesionais e dicirlles o que teñen que facer diante da cámara, porque son persoas me coñecen desde nena», explica a este respecto Paula. Desa parte do traballo, polo tanto, encárgarse Guillermo. A codirectora, por ser natural do Courel e coñecer ben a realidade local e as circunstancias persoais dos actores, ocúpase de axudalos a recuperar e expresar os seus recordos. No aspecto de idear o argumento e elaborar o guión, os dous codirectores traballan de forma conxunta. O proceso de realización do filme poderá seguirse na conta do proxecto en Facebook.