Abe Rábade, músico: «O meu disco 'Botánica' é unha homenaxe aos bosques do Courel»
FOLGOSO DO COUREL
O pianista e compositor ofrecerá en xuño un concerto ao aire libre no souto de Miraz
28 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo 3 de xuño, o pianista e compositor Abe Rábade (Santiago, 1977), ofrecerá un concerto nun escenario pouco común: o souto de Miraz, no municipio de Folgoso do Courel. A actuación formará parte do festival de música Courel Son, organizado pola asociación Serra do Courel. O concerto estará baseado no último disco de Rábade, Botánica, dedicado aos bosques e á flora autóctona de Galicia.
—O seu disco publicouse algún tempo despois dos incendios que sufriu a serra do Courel o ano pasado. Esta circunstancia influíu dalgún modo no seu proxecto artístico?
—Visitei os bosques da serra para investigar e buscar inspiración para esta obra, pero esas visitas fíxenas no 2021, un ano antes dos incendios. Este suceso, polo tanto, non influíu directamente no traballo, que xa estaba moi avanzado por entón. Pero dentro da tristeza que nos causaron a todos eses feitos, este disco que apareceu despois de que ocorrese o desastre quere ser unha pequena homenaxe á serra do Courel, aos seus bosques e ao seu patrimonio natural.
—En que medida se inspirou nos bosques do Courel?
—Para preparar esta obra fixen unha investigación ampla sobre os bosques e a flora de Galicia da man do artista Xacobe Meléndrez, que ten un coñecemento moi extenso sobre o mundo da natureza. Intereseime moito pola relación vivencial entre os seres humanos e as especies vexetais autóctonas e incluso busquei entender este mundo dunha forma científica. Visitei os lugares onde mellor se conserva a vexetación autóctona, como por exemplo o teixedal de Casaio, en Pena Trevinca, e tamén a serra do Courel. Neste territorio, un lugar de gran importancia para o proceso creativo do proxecto foi a devesa da Rogueira.
—En que sentido?
—A peza central do disco é unha suite de catro movementos que se titula As idades da devesa, que está dedicada á Rogueira. Cada unha das partes da suite está inspirada por catro especies vexetais que viven neste bosque mixto: o narciso, a faia, o castiñeiro e o teixo. Cada unha destas especies representa unha idade do home. O narciso simboliza a infancia. A faia representa a idade que se estende máis ou menos entre os 20 e os 40 anos. O castiñeiro, ou máis ben a castaña, simboliza a madurez, e o teixo, a vellez. Este simbolismo apóiase en diferentes tradicións que van desde a mitoloxía grega ás lendas galegas e célticas. Polo tanto, a inspiración da devesa da Rogueira foi moi importante para esta obra, incluso como modelo para definir a estrutura do disco, que pretende ser unha imitación das estruturas naturais.
—Como concibiu «Botánica» desde o punto de vista musical?
—A obra en conxunto bebe de tres tradicións musicais moi diferentes entre si. Por un lado, está a música de cámara, entendida como música clásica. Por outro lado, o jazz, que é o meu medio natural, por dicilo así. E por outro lado, a música tradicional galega. Para preparar esta obra fixen moito traballo de campo recompilando coplas populares que falan de árbores e plantas. No disco ten moita importancia a colaboración de Davide Salvado, que canta e toca percusión. En Botánica, por outro lado, hai unha variedade instrumental bastante importante.
—Que supón para vostede tocar estas pezas nun souto do Courel?
—Quen escolleu este lugar non fun eu, senón a asociación que organiza o festival Courel Son, pero un souto paréceme un lugar moi apropiado para interpretar estas pezas, porque os castiñeiros ocupan un lugar importante na obra. Un dos principais temas do disco titúlase precisamente A folla do castiñeiro. Para min vai ser algo moi emocionante, porque será o primeiro concerto que ofrecerei nun bosque, e iso é como un xeito de devolverlle algo ao mundo natural, de agradecerlle a inspiración que me ofreceu para crear esta obra. Paréceme tamén importante actuar nun festival organizado pola asociación Serra do Courel, que traballa pola revitalización do medio rural, porque este proxecto non pretende ser só unha homenaxe aos bosques e ao mundo da natureza, senón que tamén quere ter unha dimensión cívica.
—Ten previsto actuar máis veces en bosques?
—O do souto de Miraz será o primeiro, pero despois gustaríame dar máis concertos en bosques cos temas de Botánica. Terán que ser actuacións en pequeno formato e suporán un reto importante, incluso loxístico, porque non é fácil instalar un piano nun bosque. Pero creo que a experiencia merecerá a pena.