O Apalpador, un profeta na súa terra do Courel

FOLGOSO DO COUREL

Os encontros anuais co mítico carboeiro no camiño que leva á Devesa da Rogueira gañan cada vez máis popularidade

28 dic 2023 . Actualizado a las 18:17 h.

O próximo sábado, o Apalpador sairá da Devesa da Rogueira —onde ten a súa vivenda— para encontrarse cos nenos na entrada do camiño que leva ao célebre bosque do Courel. O festexo comezou a celebrarse o 30 de decembro do 2017 e desde entón tense renovado todos os anos —coas restricións ocasionadas no seu día pola pandemia—, atraendo cada vez a máis visitantes. «O ano pasado cadrou nun día horrible, con moita chuvia, e aínda así tivemos aquí a moita xente», recorda Evaristo Méndez, presidente da asociación cultural Fonte do Milagro, que organiza a visita do Apalpador en colaboración co Concello de Folgoso do Courel.

A idea de organizar o festexo —segundo explicaran no seu momento os responsables municipais— xurdiu a raíz dos comentarios dalgúns veciños. Por entón a figura do Apalpador xa estaba en plena recuperación e o personaxe visitaba habitualmente diferentes localidades durante as festas de Nadal, pero aínda non se presentara na súa propia terra de orixe. Por esta razón decidiuse organizar un encontro dos nenos co Apalpador e o lugar escollido foi o camiño da Devesa da Rogueira, un bosque que para este personaxe é algo similar ao que representa Laponia para Papá Noel.

Diversas procedencias

Durante estes cinco anos, os encontros co mítico carboeiro —que baixa da montaña para levar castañas aos nenos coincidindo co Aninovo— foron gañando cada vez máis popularidade. «Non só vén xente do Courel, tamén veñen de Quiroga, de Pedrafita do Cebreiro e doutros sitios», sinala Méndez. A estes visitantes súmanse ademais familias doutras localidades que van pasar o fin de ano na serra en aloxamentos turísticos.

Outra proba da popularidade que foi adquirindo a festa, apunta así mesmo Evaristo Méndez, é unha caixa de correo para enviar cartas ao Apalpador, feita dun tronco de castiñeiro e instalada xunto á unha antiga cabana agrícola situada no inicio do camiño que vai á Devesa da Rogueira. É neste lugar onde se celebran os encontros co lendario carboeiro. «A caixa de correo énchese de cartas non só cando chega o Nadal, senón durante todo o ano, e hai que baleirala cada pouco tempo para que poidan entrar máis», comenta. As cartas —engade— son enviadas por nenos que viven en numerosas localidades galegas.

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, resalta o atractivo do lugar onde se desenvolve o festexo. «Hai que ter en conta que aquí o Apalpador está na súa terra de orixe, porque é unha tradición propia do Courel, e aos nenos encántalles ver como baixa da Devesa da Rogueira por un camiño para encontrarse con eles», di a rexedora.

Seguindo a tradición dos últimos anos, o encontro co Apalpador comezará ás 17.00 horas. Tamén a habitual que seguidamente se celebre un festexo no local social da parroquia de Moreda, onde se ofrece aos visitantes unha chocolatada e unha actuación musical. Nesta ocasión actuará a contacontos e escritora Olga Abad, que se presentará o seu espectáculo «A nena lentella», onde se combinan os contos, a música e os monicreques